Sae á rúa a revista que a comisión edita cada ano para dar a coñecer o programa e outros aspectos de Carballo
11 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A revista do San Xoán xa está na rúa. Catro días despois da presentación do programa de actos que se desenvolverán do 22 ao 28 deste mes en Carballo, a comisión organizadora das festas patronais ofrece en 192 páxinas un percorrido completo polas propostas que se levarán a cabo durante a semana grande, pero tamén dá a coñecer diferentes aspectos da propia localidade a través das ópticas dos distintos colaboradores. Non hai que esquecer, no entanto, que o fin principal da publicación é o de recadar fondos para financiar as celebracións, e por iso destacan os anuncios, a toda cor, das moitísimas empresas que colaboran este ano.
Para a portada da revista utilizouse, como é habitual, a ilustración do cartel deseñado por Carlos Lamas Suárez para anunciar as festas. A primeira achega, xa no interior da publicación, é a do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez, que convida a veciños e a visitantes, «no 150 aniversario do noso carballés ilustre» a celebrar a semana grande como lle gustaba a Alfredo Brañas, con «aventuras, lumes, rebuldar, comezo do verán, verbenas, parrandas...».
Tamén lembran ao fillo predilecto de Carballo os membros da comisión, que agardan que as celebracións axuden «a facernos máis carballeses, a sentirnos máis próximos, a elevar o noso orgullo como cidadáns de Carballo, a converternos en máis acolledores e xenerosos coa xente que nos visita e a aparcar as diferenzas e resaltar o que nos une». Para os organizadores do San Xoán, os auténticos protagonistas das festas patronais son os veciños, e por iso convídanos a participar dun xeito activo nas actividades que se recollen no programa de man adxunto e na propia revista.
Lembranza
Despois dos saúdos iniciais, a publicación continúa co pregón que leu o ano pasado Roberto Luciano Barbeito Iglesias, e que se recolle de forma íntegra.
Nas páxinas seguintes aparecen referencias aos principais espectáculos que se desenvolverán do 22 ao 28 deste mes, e mesmo antes, como o que presentará Nancho Novo este sábado no Pazo da Cultura, Sobre flores y cerdos . Deste xeito, o lector pode coñecer en máis detalle o que ofrecerán non só o actor de raíces muxiás, senón tamén Lory Meyers ou Dios Salve a la Reina, sen esquecer a Mostra de Habaneras, o festival de rock e os tradicionais concursos de cachelas, carrilanas -de terra e de río-, barcos de papel ou postres.
En canto ás firmas que aparecen este ano na revista, con narracións baseadas, nuns casos, na realidade e noutros, en pura ficción, destacan Fernando Cabeza Quiles, con O emigrante; Lorenza Peniza Villar, con Noite de San Xoán; José Ignacio Silva Villar, con Frío nos pés ; Farruco Graña, con Un anís moi mono; Xurxo Borrazás, con Xenealoxía, ou Genma María Andrade Fuentes, con Chocolate . Alberto Varela Ferreiro non só escribe A verbena , senón que tamén achega unha ilustración á revista.
Da parte histórica encárganse Desireé María Domínguez Parga, que desvela A doazón de D. Antonio Pardo y Gago, marqués de San Xoán de Carballo, dunhas alfaias hispanoamericanas á igrexa de San Cristovo de Lema ; o historiador Luís Giadás, que fai Un paseo polas terras de Cances ; Xosé Ramón Freixeiro Mato, que dedica a súa colaboración a Alfredo Brañas, ou Xan Fraga Rodríguez, co seu Carballo na memoria .
Tamén teñen cabida a poesía e a etnografía, con achegas de Paco Souto, Cristina Alonso Regueira, Rosalía Fernández Rial ou o mestre Evaristo Domínguez Rial.