O tapeo volve a estar de moda

M. V.

CARBALLO

O programa A boa hostalería, de Zas e Cabana, vén?de convocar un concurso de pinchos saudables

24 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Cada vez son máis os que prefiren tomarse unha cunca de viño e un bo pincho antes que gozar dunha comida copiosa. E aínda que unha cousa non quita a outra, o certo é que o tapeo volve a estar de moda na Costa da Morte. Quedou claro co éxito que acadou a segunda Xornada dos Pinchos Irmandiños, na que participaron varios locais hostaleiros de Vimianzo coincidindo co Asalto ao Castelo. A iniciativa permitiu que moitos veciños e visitantes chuparan os dedos coa Filloa do conde de Altamira, O desexo de Xoana de Castro, o Roliño do marqués de Almeiras ou O tesouro de Alfonso de Fonseca, entre moitos outros.

Durante o vindeiro mes de agosto os afortunados serán todos aqueles que se acheguen ata Carballo, onde se celebrará, todos os sábados e domingos entre os días 8 e 30, a primeira edición da Ruta dos Pinchos, organizada polo Concello. Este proxecto, incluído na programación de Feiróns de Tempada, ten por obxectivo promocionar os produtos, a gastronomía e os locais hostaleiros da capital de Bergantiños.

Pero antes de pasarse por Carballo, os amantes dos pinchos e tapas terán outra cita. Será o vindeiro mércores no salón sociocultural de Zas, onde se celebrará un concurso incluído no programa A boa hostalería, de Cabana-Zas Concellos Saudables. No certame poderán participar todos os establecementos dos dous municipios que o desexen e, de momento, xa están apuntados máis dunha ducia. A única condición é que se esforcen en facer pinchos saudables coas recomendacións básicas de preparación que require a cociña sa. Tamén puntuará a orixinalidade á hora de utilizar os produtos.

Os interesados en participar poden inscribirse chamando aos números de teléfono 981 106 424 ou 981 106 444. As creacións culinarias coñeceranse o vindeiro mércores, ás 19.00 horas, e os alcaldes de Zas e Cabana, dous membros da Escola de Hostalería, un nutricionista e membros da Asociación de Empresarios elixirán os mellores. E con sorte, os de máis éxito, poderán saborearse despois nos locais cunha boa cervexa fría. Aínda que sexa light .