O Concello de Carballo convoca una nova edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores

La Voz

CARBALLO

09 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Concello de Carballo vén de convocar, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística e coa colaboración de once medios de comunicación escrita, o Premio a artigos xornalísticos normalizadores. Nesta sexta edición mantéñense os obxectivos cos que comezou a celebrarse o certame, e que son, fundamentalmente, promover a reflexión sobre a situación actual da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e impulsar o uso e o prestixio do idioma, e contribuír tamén a unha maior utilización do galego nos medios de comunicación. Haberá un único premio, dotado con 1.200 euros, e o artigo premiado tamén será publicado nos once medios de comunicación que colaboran na iniciativa, entre eles La Voz de Galicia. Nas edicións anteriores, os galardonados foron Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga e María Pilar García Negro. As bases poden consultarse no sitio web www.carballo.org. Ao certame poden presentarse artigos xornalísticos de opinión, sempre inéditos, que traten algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística de Galicia, coa defensa e a promoción da lingua, a lexislación ou a política lingüística, entre outros. Os artigos deben ter entre 2.000 e 3.500 caracteres (de 350 a 600 palabras, aproximadamente), e deben presentarse antes do 3 de maio, ben no rexistro do Concello de Carballo ou ben por correo. Para máis información, os interesados poden chamar ao 981 704 304 ou escribir a normalizador@carballo.org.