Onte foi día de estrea en O Couto. A asociación cultural Monte Branco inaugurou as súas Festiletras cunha xornada para o testemuño. Froito da investigación desenvolvida por Ángel Eiroa Pose, Luís Giadás Álvarez, Omar Rabuñal, Cristina Souto, Adrián Varela Bermúdez, José María Varela Martínez e Xosé Manuel Varela Varela, os veciños puideron asistir á proxección de Titania S. A. en Valarés , un documental que relata a historia da desaparecida mina pontecesá. Algunhas das persoas que traballaron nela e os seus parentes estiveron presentes no acto, e a todos eles dedicou especialmente o seu pregón Luís Giadás, que foi o encargado da apertura oficial das Festiletras.
Pero non só o documental espertou as lembranzas dos presentes, senón tamén os bolos do lar que degustaron despois da proxección. E para rematar, na que será a nota musical case diaria destas Festiletras, a da xornada inaugural foi unha Noite dos acordeóns na que estaba prevista a participación de Rosalía Fernández Rial, Manuel Pazos, Manolo de Fornís e Jacinto Paredes coa Escola de Música de Serantes, que prolongaron a festa ata ben entrada a noite.
Ofrenda floral
Se de lembranzas se trata, o programa de hoxe céntrase, precisamente, nelas. Nestes días de cultura galega, en O Couto nunca esquecen a Eduardo Pondal. O poeta pontecesán deixa a súa pegada nas Festiletras por partida dobre. Así, por unha banda, no monólito pondialiano do adro da igrexa de Cospindo celebrarase ás 12.45 a xa tradicional ofrenda floral, que rematará coa interpretación do Himno do Antigo Reino de Galicia polos gaiteiros Inllar, e por outro lado, na Fundación Eduardo Pondal actuará ás 13.00 horas a coral Oliveira nun acto presentado por Inés Moreira García, e que tamén inclúe a entrega de agasallos aos «bos e xenerosos»: Bernardino Graña e Avelino Pousa Antelo.
A creatividade será o fío condutor das actividades programadas para a tarde, xa na Casa dos Veciños, e que se encargará de ir introducindo Tamara Lema Rodríguez. Comezarán ás 17.00 horas coa actuación de Caramuxo Teatro, que representará Os Bolechas visitan a terra de Pondal . Os nenos asistentes serán agasallados cun exemplar do libro Os Bolechas van ao porto . Tamén está dirixido aos máis pequenos o espectáculo de música Tic-Tac , que ofrecerán Pablo Día e o seu grupo. E, como remate, procederase á entrega do Premio Anisia Miranda á creatividade infantil. O galardón será unha obra do artista carballés Miguel Calvo.
A véspera do Día das Letras Galegas en O Couto rematará con Folk oral , o espectáculo que o actor e humorista Carlos Blanco representará para todo o público a partir das 23.00 horas.