A festa das Letras Galegas levou a impronta de Pondal en O Couto

La Voz CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

17 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Bernardino Graña e Avelino Pousa Antelo foron onte os protagonistas da homenaxe ás letras realizado en O Couto pola asociación cultural Monte Branco. O Festiletras agasallou aos dous escritores e non esqueceu a Pondal nos actos do día. De Pondal foron os bustos que recibiron Graña e Avelino Pousa Antelo, agasallo «aos bos e xenerosos», dixo Xosé María Varela, o mesmo recoñecemento que levou o ano pasado Xosé Neira Vilas, presente tamén nos actos.

Os actos do día arrincaron pola mañá coa ofrenda floral ao poeta pontecesán fronte a igrexa de Cospindo, rematada coa interpretación do Himno do Antigo Reino de Galicia . A música na Fundación Eduardo Pondal a puxeron os integrantes da coral Oliveira, con letras de Curros e Rosalía e a Canción de Amor de Bernardino Graña.

Pola tarde, na Casa dos Veciños houbo teatro con obras de Caramuxo Teatro e Pablo Díaz, e tamén a entrega do Premio Anisia Miranda á creatividade infantil. O remate, a cargo do humor de Carlos Blanco e o seu Folk oral .

O Couto non foi o único lugar onde se homenaxeou á literatura galega. En Corcubión houbo o sábado unha charla de Carlos Callón e onte houbo teatro en Pasarela (Vimianzo) e festival de teatro e música en Baio (Zas), ademais dunha xuntanza de agrupación de música e baile tradicional de nenos en Cerceda. En Cabana houbo actuacións en Borneiro, Canduas e Cesullas

Os actos barbanceses

En Barbanza, a xornada dominical tamén foi sinónima de festa das letras. En Noia, por exemplo, a celebración estivo marcada pola ofrenda floral diante dos bustos de dous ilustres noieses: María Mariño e Antón Avilés de Taramancos. A viúva deste último foi a encargada de poñer un dos ramos. O outro, colocárono políticos das tres formacións noiesas.

Tamén en Rianxo houbo festa durante todo o día. Pola mañá, en Leiro, organizada pola asociación cultural, houbo unha romaría na que gastronomía, cultura e música se deron a man. Xa pola tarde, en Campo de Pazos, e baixo a batuta de Antrospinos, houbo un recital poético e tamén unha foliada. Mentres tanto, en Corrubedo, a música fixo as delicias do respectable nunha festa da xuventude tamén moi ligada ao 17 de maio. A conclusión é clara: a festa do idioma non pasou por alto en Barbanza.