«O fútbol ás veces presenta retos que hai que afrontar con decisión»

Manuel Rey
Manuel Rey CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

Trala súa chegada ao final da pasada campaña, o ex xogador do Compostela comeza hoxe a preparar a liga co obxectivo de meter ao Cerceda entre os catro primeiros

21 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Despois de loitar ata o derradeiro minuto polo ansiado ascenso a Segunda División B, José Ignacio Fernández, Nacho, (Foz, 1967), comezará mañá a preparar a próxima tempada como adestrador do Cerceda en Terceira División.

-Unha mágoa quedarse tan preto de ascender...

-Parecía que ao fin era o ano do Cerceda, despois de varios intentos sen éxito. Realizamos unha boa fase de ascenso, pero nas eliminatorias páganse erros puntuais. O empate na casa contra La Muela foi clave e resultou un peso enorme.

-¿Foi difícil preparar a fase sen coñecer ao equipo?

-Tivemos que encarar os dous meses de competición que tiñamos por diante dunha forma distinta, xa que eu chegaba coa liga a piques de finalizar. De todas formas, atopeime cunha gran plantilla, con moita ilusión por acadar o ascenso, e así todo foi máis doado para min e todo o corpo técnico.

-A súa chegada ao Cerceda foi canto menos estraña.

-A verdade é que os adestradores non adoitan chegar a esas alturas da tempada. Foi unha situación particular, porque chegaba co obxectivo de rematar o traballo de moitos meses. Chamáronme un martes pola noite, comunicáronme que destituíran ao adestrador e ofrecéronme facerme cargo do equipo.

-¿Resultou un gran reto para ser a súa primeira experiencia como técnico?

-O fútbol ás veces presenta retos aos que se hai que enfrontar con decisión. A directiva ofreceume o seu total apoio dende que cheguei, podía traballar a gusto. A pesar de non conseguir o ascenso, a experiencia foi moi boa e este ano toca intentalo de novo. Temos tamén o aliciente da Copa do Rey. Sería moi satisfactorio para o club pasar de rolda e optar a xogar con algún grande.

-¿Pode ser este o ano da chegada a Segunda B?

-A liga é moi larga. O lóxico é pensar que estaremos pelexando polos catro primeiros postos. Pero o fútbol non entende moito de lóxica. A Terceira deste ano vai ser moi potente. Hai equipos históricos, coma o Ferrol, o Compostela e o Ourense, que non están acostumados a xogar nesta categoría. A competitividade vai a ser enorme, pero é moi doado que algún falle e que outros dean a sorpresa.

-¿Qué conxuntos poden ser os rivais do Cerceda para as catro primeiras prazas?

-Aparte dos tres históricos dos que xa falei, hai clubs como o Alondras e As Pontes que están investindo moito e ben para acadar esas posicións. Seguramente haxa que contar con algunha sorpresa, así que teremos que traballar moito para estar aí.

-O equipo sufriu baixas importantes, pero foron suplidas con boas fichaxes. ¿A plantilla está pechada?

-O equipo está prácticamente formado. O esforzo que fixo a directiva foi encomiable, xa que en tempos de crise coma este é difícil que se realicen apostas fortes, e os dirixentes do Cerceda estiveron sempre abertos a acadar unha plantilla de garantías.

-¿Qué papel vai xogar a canteira do Cerceda neste ano?

-O ano pasado tivemos sorpresas como a de Óscar, que acabou sendo un xogador importante. Haberá sete futbolistas da canteira adestrando coa plantilla, e todos terán oportunidades para demostrar a súa valía