Rosalía Fernández (22 anos, de Muxía e de Carballo indistintamente, como remarca) é estudante de Filoloxía Hispánica (a punto de empezar o quinto curso da carreira), e tamén acordeonista. Ademais, escribe. Presentou o venres pola noite na vila da Barca o seu poemario En clave de sol. Xa o fixera antes en Carballo, na Real Academia Galega, no Pazo de Raxoi de Santiago e na Asociación Alexandre Bóveda. Encheu o Salón do Voluntariado, algo que non é habitual. Con ela estivo, ao piano, Manuel Bello, e pintando, o ilustrador Mon Lendoiro. Presentou Rivadulla Corcón e tamén leu uns parágrafos ao final Nancho Novo.
-¿Contenta?
-Si, saíu moi ben, estou contenta e moi agradecida a cantos nos acompañaron. Non é doado encher unha sala tan grande en Muxía.
-Nas súas presentacións vai máis aló da simple conferencia.
-Nas presentacións tento transmitir o que sinto. E facer algo máis, un espectáculo. Combino tres artes, a música, a pintura e a poesía, todas fusionadas. Todo iso cun aire teatral. Gústame moito a literatura, pero tamén o teatro, a interpretación. [A semana pasada, Rosalía foi unha das promotoras e protagonistas do espectáculo de rúa, no Cabo da Vila de Muxía, durante o Mercado das Rutas do Mar].
-¿Para cando un segundo libro?
-Hai aí un proxecto, pero aínda non hai nada definido. Publicar, tal e como están as cousas, é moi complicado. Eu tiven a sorte de que Lumieira aceptase a proposta de editar esta obra.