Dona Diáspora está moi preocupada polo futuro do Centro Galego de Bos Aires. Está pensando en contactar co seu vello amigo de Noia, Eduardo Sánchez Millares, para que faga de mediador diante da Xunta de Galicia. Entende que é a persoa axeitada para trasmitirlle ao presidente da Xunta cal é a posición e o pensamento dos ex presidentes e directivos que deixaron o seu suor erguendo o Centro Galego. Houbo unha reunión de urxencia na que fixo de secretario Rodolfo Prada Chamocín, quen reflictiu na acta as palabras de cada un dos asistentes. Todos eles coincidiron en que non son tempos de dividir esforzos. A fonda crise do Centro Galego non se arranxa coa volta ás loitas electorais, senón que se agrava porque en vez de centrarse na recuperación o que se fai é perder o tempo detrás duns votos. Os vellos dirixentes afirman que a entidade progresou e aforrou moito logo do histórico acordo de rotatividade na presidencia entre as cinco asociacións electorais existentes.
Foi don Rodolfo, segundo o conta don Valentín Fernández [curmán do ex presidente Fernández Albor], quen logo da reunión se achegou ao carón do activo noiés para comentarlle en voz baixiña: «Ti ben sabes, meu prezado Eduardo, que nos nosos tempos houbo enfrontamentos moi fortes que remataron cando se fixo o acordo histórico da rotatividade na presidencia entre as cinco asociacións. Foi un avance que evitou estragar recursos en facer campaña cando todos temos o mesmo compromiso que é loitar polo benestar do Centro Galego. Pídoche interveñas para facerlle chegar ao presidente da Xunta a mensaxe de que é moi negativo que se traslade ao Centro Galego unhas regras de xogo electorais que están pensadas para un espazo máis amplo de xente e de espazo».
As palabras de don Eduardo disque foron as seguintes: «De acordo, Rodolfo. Ben sabes o respecto que teño pola túa persoa e pola sensatez que sempre practicaches. Estou pensando en comentarlle o asunto a Cuíña porque foi el quen me axudou con cartos do seu peto cando estiven mal nos meus últimos anos aló embaixo. Foi a súa axuda persoal a que me permitiu ter unha persoa ao meu servizo. Supoño que o presidente poñerá máis atención nun ex conselleiro que nun ex presidente do Centro Galego. A miña opinión é que unha cousa é votar en Galicia e outra moi diferente no Centro Galego. Cos problemas económicos que ten a nosa institución non hai que andar buscando votos senón cartos e solucións.