Os roubos nos puntos limpos deslocen o labor dos galegos cos voluminosos
04 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Ademais dos típicos papel, vidro e envases, hai outros refugallos de gran tamaño, moitos deles moi contaminantes, que tamén teñen que ser tratados correctamente. Son os denominados voluminosos (electrodomésticos, mobles ou colchóns) que chegan, a través dos puntos limpos e dos distribuidores, ata a planta que ten en Cerceda a empresa Cespa, que se encarga deles. Roberto González é o xefe da Área Comercial e Loxística.
-¿Cal é importancia medioambiental dunha planta como a de Cespa?
-No caso dos frigoríficos, o CFC (un gas que se emprega na refrixeración) iría á atmosfera e aumentaría o buraco na capa de ozono. Nós collemos ese CFC por completo en tanques, e logo levámolo a plantas onde o poden tratar queimándoo a altas temperaturas. Dese xeito non danan a atmosfera. Sen a tecnoloxía que temos, non sería posible recuperar eses gases nin os aceites que teñen os frigoríficos.
-¿Coa crise, chegan menos voluminosos á planta?
-Si, pero non só por aproveitar os electrodomésticos ao máximo. Nós notamos a crise porque nos puntos limpos entran a roubalos e acaban en xestores non autorizados que pagan polo ferro, cobre ou aluminio. Non é tanto pola falta de venda no comercio, que tamén, senón porque desaparece un maior número de refugallos.
-¿Están os galegos máis concienciados ou segue habendo vertidos nas beiras das estradas?
-Os cidadáns, cando van polas estradas e polos montes dando un paseo, pódense dar conta de que si estamos concienciados. De feito, os puntos limpos están cheos de refugallos. Niso os galegos melloramos moitísimo. Na planta, a entrada de residuos puido baixar algo pola crise, pero o aumento desde que comezamos en xuño de 2006 é obvio. Non diminúe. Ao contario, aumenta.
roberto gonzález xefe da área loxística de cespa