Cándido Pazó refrescou a memoria dos nenos labregos de Vimianzo

Vicente de lema CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

29 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Era o Día Mundial do Teatro e Balbino, 50 anos despois, volveu a coller esa terra criadora coas mans. Foi o domingo no escenario da Casa da Cultura de Vimianzo. O sábado ocorrera en Cee.

Cándido Pazó, descalzo coma Balbino no verán, fixo memoria das Memorias dun neno labrego nun espectáculo ben atractivo dende o punto de vista visual. A iluminación, as proxeccións de videocreación e a selección dos sons danlle a súa narración interpretada do libro de Neira Vilas unha maior profundidade. O fin e ao cabo o que se viu é un longo monólogo escénico que se fai curto.

O intérprete vai contando cousas cribles para o público porque, quen máis ou quen menos, vai asociando o que escoita ou as imaxes que lle fan ver dende riba do escenario con algunha vivencia propia ou herdada. Nas bancadas hai complicidade co que ve sobre as táboas porque se lle ofrece algo emotivo e divertido ao mesmo tempo e que lle vai deixando un pouso de sentimentos.

Pazó, ademais das memorias de Balbino, vai sacándolle partido a determinadas accións do público, como a muller que saca o neno ao baño, e tamén bota man da actualidade política e social, e das súas facultades interpretativas e experiencias de monologuista.

En máis dunha hora e media de interpretación, o artista consegue plasmar con humor os malos fados que a vida nunha aldea lle pode deparar a un rapaz pobre, a un ninguén como Balbino, o personaxe inmortal de Xosé Neira Vilas.