A campaña medioambiental de Sogama tivo récord de participación este ano entre os rapaces galegos
20 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.A quinta edición da campaña Ti es a peza que falta lanzada por Sogama foi un éxito de participación. Ata 4.000 escolares, cifra que dobra a do ano pasado, convertéronse en superheroes da reciclaxe. «Estou seguro de que todos eles levarán a cabo unha importante tarefa de concienciación que posibilitará que dentro de moi pouco se multipliquen e logren o máis importante dos galardóns: unha Galicia sostible», sentenciou Luís Lamas, o presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) na presentación dos resultados da campaña escolar. No acto, que se desenvolveu en Vigo, estivo acompañado por Lucía Molares, delegada territorial da Xunta de Galicia na cidade olívica. A representante autonómica valorou a alta participación e asegurou que «os nenos e nenas galegos son o mellor espello no que mirarse para que os adultos interioricemos as boas prácticas ambientais e nos comportemos de forma máis responsable co contorno».
Polo momento, os datos de reciclaxe en Galicia non son bos. O noso país está lonxe dos índices de reciclaxe de lugares como Alemaña, Holanda ou Dinamarca, que se sitúan entre o 48 e o 30 por cento. En España ese índice non supera o 15 por cento.
Reciclaxe nos colexios
A sociedade que preside Luís Lamas quere ir máis aló e converter aos colexios en centros activos de separación de residuos para que estes programas dirixidos a escolares non se queden só na teoría. Lamas asegura que adoptou a decisión de estudar as posibilidades de implantar illas de reciclaxe nos colexios despois de coñecer como traballan os centros. Os propios mestres insisten na necesidade de contar cos medios materiais necesarios para facer efectiva a contribución dos máis novos na separación de residuos e de erradicar os erros máis comúns.