Un xogo interactivo ensínanos a separar de forma axeitada

carballo / la voz

CARBALLO

20 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O presidente de Sogama, Luís Lamas, presentou un novo xogo para os ordenadores co que poderemos aprender a separar de xeito adecuado os nosos refugallos. Na presentación que se celebrou na Delegación da Xunta en Lugo tamén estiveron o xefe territorial de Medio Ambiente, José María López, e a xefa territorial de Presidencia, Marta Barreiro, como representantes do Goberno galego, o outro promotor desta iniciativa.

O nome deste xogo interactivo é Separa para reciclar, está editado en formato flash e será accesible desde calquera navegador web en breve, na páxina www.sogama.es. O novo xogo ten tres niveis de dificultade e pretende que os usuarios clasifiquen mellor os residuos en orixe para mellorar os niveis de selección en Galicia, que aínda ten taxas de reciclado por debaixo da media estatal e europea.

No primeiro nivel débense arrastrar os distintos refugallos que aparecen na pantalla ata os colectores correspondentes, verde ou amarelo, evitando que estes choquen entre si. No nivel 2 incorpóranse os contedores de papel e cartón, e no nivel 3, o do vidro, aumentando así a dificultade.

Obxectivos para o 2020

Esta iniciativa enmárcase no novo Plan galego de Xestión de Residuos Urbanos 2010-2020, cuxos obxectivos pasan por reducir a produción de residuos nun 10 por cento e incrementar os índices de reutilización e reciclado ata 30 por cento.