«Na danza tradicional o prioritario é o sentimento»

CRISTINA ABELLEIRA CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A Asociación Cultural Nemeth celebra hoxe (praza do Concello de Carballo, 18.00 horas) o Día da Muiñeira. A Banda de Gaitas Bergantiños de Bértoa interpretará a Muiñeira de Carballo para que os grupos participantes, procedentes de toda a provincia, ofrezan unha vistosa exhibición que se repite cada ano. Ao remate actuará o grupo Fol de Veneno. Gema Moreira Vilanova é a presidenta de Nemeth.

-¿Que supón o Día da Muiñeira dentro do programa de actividades de Nemeth?

-O Día da Muiñeira de Carballo está entre os máis veteranos de Galicia, son xa 30 anos. A súa celebración supón ante todo o compromiso de dar continuidade a esta longa tradición. Sen dúbida, é unha das actividades máis fortes para nós, porque implica un traballo de cara ó exterior, con outras agrupacións de diferentes lugares.

-¿Pero fai falta exaltar a muiñeira? ¿Non está suficientemente consolidada?

-A muiñeira é o baile máis representativo da nosa terra: calquera persoa máis alá das nosas fronteiras nos pode identificar facilmente con ela. Nese sentido, poderíase pensar que non precisa de grandes esforzos promocionais... Pero o certo é que a danza tradicional perde forza por momentos. Lembro a cantidade de grupos que se reunían en Carballo cando eu comezaba a bailar: non chegaba a praza a nada, enchíanse tamén todas as rúas que a rodean. A día de hoxe, no entanto, practicamente todas as agrupacións da zona pensan con morriña naqueles tempos e van perdendo xente pouco a pouco. Por iso é importante manter viva unha tradición como esta e seguir pelexando ano tras ano.

-¿Fan falta aptitudes especiais para bailar ou cantar?

-Pode sonar moito a tópico, pero o certo é que penso que na música e na danza tradicionais o prioritario é o sentimento. Por suposto que non se debe esquecer nin menosprezar a técnica, pero a realidade é que non é necesario ter unhas aptitudes musicais determinadas. Todo é poñerse e vivilo.

-¿Hai relevo xeracional?

-No noso caso non nos podemos queixar, porque sempre empeza savia nova cada curso... na nosa man está, en grande medida, manter a toda esta xente cando chegan a esas «idades conflitivas» nas que os intereses e as prioridades empezan a cambiar.

-Este ano escolleron a «Muiñeira de Carballo». ¿Por que?

-Pareceunos boa idea para festexar a 30 edición facelo ao son dunha muiñeira nosa, de longuísima tradición e moi coñecida e tocada en toda Galicia (e parte do estranxeiro, como se soe dicir). Trátase dunha muiñeira de tres partes, pero nesta ocasión a Banda de Gaitas Bergantiños de Bértoa tocaraa adaptada en só dúas, que é o esquema básico que habitualmente preparan os grupos para bailar.