En España, dous terzos dos residuos que se separan reciben un tratamento correcto. O resto acaban no vertedoiro co resto do lixo. O presidente de Sogama, Luís Lamas, asegura que todo o material que lles chega na bolsa amarela «recupérase» e co que vai na bolsa negra «prodúcese enerxía eléctrica» a través da incineración, unha das apostas da entidade medioambiental.
-Os grupos ecoloxistas están en contra da incineración.
-Están en contra no noso país. En Alemaña os grupos ecoloxistas son igual de ecoloxistas que os nosos e alí séguense facendo incineradoras. Hai, nestes intres, 75. Cando un fala disto hai que deixar os apriorismos na casa e hai que falar con seriedade, con racionalizade e que non se queira enganar á xente.
-Nos residuos que lle chegan hai máis dun 30 por cento de impropios. ¿Débese ao descoñecemento ou o desinterese?
-Creo que é unha combinación de factores. Nós temos que traballar para evitar que sexa por descoñecemento. Se se toman a molestia de separar é evidente que botan algo mal por erro, porque senón non tería sentido. Algunhas persoas non teñen a mentalidade de separar, ese problema é moito máis grave.
-¿No que levamos de 2011, notan que lles chegan menos residuos á planta de Cerceda?
-Si. Xa o ano pasado mermou e neste 2011 están entrando menos residuos. Supoñemos que vén motivado pola crise porque é o que está pasando no resto de España. A única explicación razoable é esa. Podería dicir que se debe a unha maior conciencación e que se xeran menos residuos, pero sería facernos trampas.