Os nenos foron os máis animados a cantar no tráiler de Gadis
03 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O xardín da praza do Concello acolleu onte a futuras estrelas da canción de Carballo. O tráiler de Gadis chegou co seu escenario e coa campaña Vivamos como galegos - Maloserá, que está percorrendo durante este verán diferentes localidades galegas. As catro animadoras do karaoke intentaron que os carballeses perderan a súa vergonza e subiran ao escenario para sacar unha foto coa gaita galega e tamén para cantar e bailar o coñecido Don?t worry, que maloserá!
A tarde comezou con pouca afluencia, aínda que no xardín pequenos e maiores observaban o espectáculo. Os máis animados foron os cativos, que pedían permiso aos seus pais para subir ao palco. Con todo, a timidez tamén fixo a súa aparición e a maioría só quixo posar co instrumento musical imitando ao supergaiteiro do anuncio de Gadis, coa catedral de Santiago de fondo e a bola do mundo aos pés. O agasallo para aqueles que amosaron o seu talento foi unha camiseta e un refresco, ademais de entrar no sorteo de 16 entradas dobres para asistir ao Festival Rock in Way, que se celebrará os días 9 e 10 de setembro en Santiago de Compostela.