? Luis Miguel Antelo é o presidente da Asociación Xuvenil Cherinkas, encargada de organizar dende hai catro anos as prefestas. Deste xeito nomean unha serie de actividades que se desenvolveron na vila vimiancesa durante toda esta semana e que serven de antesala ás festas de san Roque e do Carme que comezan hoxe.
-¿Por que xorde a idea de celebrar unhas «prefestas»?
-Nace da idea de que queremos ser un pouco orixinais e humorísticos. Ademais, dende a asociación pensamos que xa ten que haber festa e animación no pobo durante a semana.
-¿Teñen pensado entrar a formar parte da comisión?
-Non, xa traballamos con eles dende este ano.
-¿Como se desenvolveron as actividades?
-Houbo unha resposta moi positiva durante o día, e as noites tamén foron moi animadas.
-¿Cal foi a de maior éxito?
-O campionato de parchís, coma todos os anos. Curiosamente, creo que volveron a gañar os dous do ano pasado.
-¿A xente anímase a pesares de ser unha festa entre semana?
-Si. Como asociación xuvenil non pretendemos lucrarnos desta festa, só que sexa unha ampliación da do fin de semana. O que si queremos é ofrecer un produto de calidade e, se pode ser con xente de fóra, mellor.
-¿Cales foron os máis atrevidos?
-Hai de todo, cada un prefire unha cousa. Son 4 días que dan para moito.