A autora ceense acaba de publicar o seu décimo libro en solitario
21 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.De María Canosa (onte cumpriu 33 anos na súa terra, en Cee) si que se pode dicir con propiedade que é de ciencias puras e de letras puras. María é escritora e tamén enxeñeira de Camiños, unha combinación atípica na literatura galega, mesmo na española, con ilustres antecedentes como Juan Benet. Autora prematura, acaba de editar O papaventos de Laura, décimo libro en solitario dende aquel adolescente e maduro Bramido maino, aínda que coautora de numerosas publicación e ganadora de numerosos premios practicamente dende nena. Os dous últimos máis salientables foron o Pura e Dora Vázquez da Deputación de Ourense (o ano pasado) e o Avelina Valladares do Concello da Estrada (este). Ten escrito para público infantil, xuvenil e adulto, sempre comprometida coa lingua galega, da que pensa que vai a menos por «moitos motivos sociais, culturais e políticos».
-¿Como nace o seu último libro?
-Xurde da tradición. Os libros máis vendidos para o público máis novos ían por modas e por traducións: de maxia, dende Harry Potter; de piratas, dende Sparrow... Eu optei por algo máis tradicional, como eran os meus libros de pequena. Pensei tamén nos meus sobriños, no que máis lles podía gustar a eles, e saíu unha historia imaxinativa, con piratas, pero diferentes, que van polo ceo. E cunha nena de protagonista. Mirei na tradición, apoieime de onde veño, pero para avanzar e innovar.
-E facer soñar, que é a esencia da literatura.
-Pois si, e creo que tamén é a esencia da miña vida. Perseguir soños, non deixalos morrer nunca, e non deixar de ser nunca unha nena. Eu digo ás veces que escribo para soñar e soño para vivir.
-¿Como se define?
-Son persoa. Profesionalmente síntome enxeñeira. Creo que son unha persoa creativa, e ás veces a enxeñería non me deixa esa vía de creatividade, porque todo se fai en función do custo ou está moi politizado, segundo vin tanto en oficina técnica como en obra. E busco a liberdade por outra parte: a literatura, que é unha válvula de escape. Son unha mestura dun montón de cousas. Non me gusta que me definan como unha cousa soa. Todo me resulta un pouco pudoroso. Gústame facer cousas e innovar.
-O de escribir venlle de vello.
-Dende pequena sabía que aí había unha vertente que ía continuar. Empecei a escribir sen saber escribir. Inventaba poemas que lle recitaba aos meus pais e que eles apuntaban nunha libretiña. Sempre fun máis de verso libre. Necesito escribir para desafogarme, e non me gusta verme tan apretada. Ademais, léronme moito, xa antes de saber ler. Eu cheguei a saber os contos de memoria. Na miña casa hai un hábito lector bastante bo, e se os nenos ven aos pais ler, e máis fácil que o fagan de maiores. E, á parte, tiña á miña nai [Concha Blanco] na casa que escribía, e víao como algo normal.
-¿Non cre que se le pouco?
-Sempre se leu pouco. Galicia sempre aparece dos primeiros pola cola en hábito lector. E estamos igual, ou peor, porque os rapaces teñen moitas máis cousas: videoxogos, deportes, campionatos, actividades extra escolares
-¿Hai xente que se estraña que vostede sexa enxeñeira, sendo escritora, e viceversa?
-Pois si, sempre houbo moitos que non o entendían, xa dende que empecei a estudar a carreira. Non asociaban que fose para algo de ciencias tan arduo, duro e seco. É natural, a min non me parece estraño, porque non é algo habitual.
-¿Que lle aportou a enxeñería?
-Aportoume moito máis do que me aporta agora mesmo. Non renego, por suposto, pero é algo que non ten nin máis nin menos mérito ca outras cousas. Iso si, aprendín moitas cousas: a disciplina do estudo, o sacrificio de tempo e amigos. Cando empecei, para min fora un cambio moi brusco, entrar nun mundo novo, cunha aprendizaxe moi distinta á do instituto: cada día era un reto.
-Pero compensa. ¿Non é unha profesión na que o emprego está garantido?
-A situación está moi complicada para todos. A construción acusa moito a crise.
-¿Ten defecto profesional cando vai polas estradas e analiza todo? ¿Na AG-55, por exemplo?
-Non, non vou mirando as faltas de aglomerado. Intento desconectar, o traballo xa me absorbe moito. O meu home, tamén enxeñeiro, si que se fixa en todo. E a autopista (son unha das afectadas pola peaxe) nunca me gustou moito, pero hai cousas que se fan por reducir os custes.