O popular grupo galego abrirá mañá o apartado musical das festas caionesas tras o pregón que lerá o seu fundador
06 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.? Mañá, na véspera da multitudinaria Romaría dos Milagres de Caión, a festa musical botará a andar co pregón de Bieito Romero e o concerto que o seu grupo, Luar na Lubre, ofrecerá no porto da localidade larachesa.
-¿De onde ven a relación de Bieito Romero con Caión?
-A miña relación persoal con Caión ven porque vivo moi cerquiña de alí e a miña praia e a praia na que se criaron os meus fillos e pasaron boa parte dos seus veráns é, aparte da de Barrañán, a de As Salseiras. Ademais, gústame moito a pesca e ás veces vou a Caión mollar a miñoca (ri). Sempre me pareceu un lugar fantástico situado nun sitio privilexiado.
-¿Que contará no pregón?
-Será unha cousa sinxela porque os pregóns non son para aburrir, senón para mostrar o agarimo a un lugar e as súas xentes. Xeralmente non me gustan este tipo de cousas, pero neste caso, pola proximidade e pola insistencia, non me puiden negar. Ademais, tiven a axuda do xornalista Moncho Viña e haberá unha pequena sorpresa musical que envolverá eses momentos previos ao concerto.
-¿Como será o formato do recital?
-O habitual deste ano. Faremos un percorrido pola nosa música e os clásicos destes 25 anos de vida, que estamos a cumprir, coma Tu gitana, Chove en Santiago ou O son do ar, que son os que tes que tocar sempre, pero tamén presentaremos o último disco, Solsticio. Serán dúas horas de música e estou seguro de que tanto nós coma o público o pasaremos ben, porque para min tocar en Caión é coma tocar para os veciños e iso é gratificante.
-¿Como se fai para non perder a ilusión logo de 25 anos de carreira musical?
-Un fai o que lle gusta e esa motivación é a que propicia que non perdas as ganas. Detrás de Luar na Lubre hai un traballo moi intenso e moita empatía entre nós, somos coma unha gran familia e, ademais, temos a sorte de ser, seguramente, o grupo galego con máis proxección no exterior. Iso fai que nos sintamos coma unha especie de embaixadores da música galega.
-¿Como valora o momento actual desta música?
-Artisticamente está no seu mellor momento, pero isto contrasta coa situación económica tan mala, que fai que haxa moi pouca contratación. Estamos nunha época na que os discos non teñen ningún valor, a música non se compra, senón que se descarga, coma quen abre unha billa e sae todo gratis. Pero, aínda así, o momento creativo é moi bo, non só no folk, senón nos demais xéneros, así que o importante é resistir porque isto ten que pasar algún día.
-Ademais de polos escenarios da Costa da Morte tamén se ten deixado ver entre o público nalgunha cita, coma na Carballeira de Zas.
-Son pouco de aglomeracións e cada vez gústanme menos, pero a da Carballeira é unha cita obrigada e se non teño outro compromiso, vou sempre que podo. Estou moi vencellado a Zas porque din clases alí e teño moitos amigos así que é coma estar na casa.
-Tamén estivo, xa sobre o escenario, nas polémicas festas «demasiado galegas» de María Pita e mesmo os acusaron de ser do PP.
-Non estou moi ao tanto desa polémica e non quero entrar nela, pero o certo é que volvemos a María Pita da man do PP e foi algo que nos chamou a atención. Pero Luar na Lubre non é un grupo que teña un vencellamento político determinado. Somos oito persoas e cada un pensa dunha maneira. O nexo común e a música e o amor á cultura galega, así que temos que estar ao marxe das polémicas e seguir traballando.