Xan Fraga leva aos mozos de Galiza Nova de roteiro cultural polo Carballo de Alfredo Brañas
CARBALLO
Os lugares de Carballo que marcaron a vida dun dos seus habitantes máis ilustres así como aqueles espazos escollidos con posterioridade polos veciños para renderlle homenaxe serviron onte de punto de parada para o interesante roteiro cultural guiado por Xan Fraga en torno a Alfredo Brañas.
O acto, programado no marco das vixésimo terceiras xornadas de verán de Galiza Nova, congregou a preto de medio cento de persoas, que seguiron con gran interese o percorrido a es explicacións do profesor e historiador carballés, que fixo un alto especial xunto a estatua de Brañas da rúa Coruña.
Os actos proseguirán hoxe con novas homenaxes a outros destacados representantes das letras e do pensamento galego. Os mozos do BNG participarán ás 10.30 nun roteiro pondaliano por Ponteceso e ás 12.30, na Casa dos Veciños do Couto, acudirán a un acto conmemorativo do 125 aniversario do nacemento de Castelao. Trala comida, en Balarés, visitarán a praia do Pendón, a lagoa de Traba e o areal de Soesto. A noite concluirá no pub larachés D?Antón.