Anestesia parcial, ¡non total!

Xosé M. Canedo Aguiar

CARBALLO

26 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Entran dous amigos no cine, séntanse detrás dun calvo, e dille un ao outro: «Manolo, se me das 500 pesetas pégolle ao calvo ese». Manolo deulle os cartos e o outro pegoulle un forte golpe ao calvo, dicíndolle: «¡Pepe, canto tempo sen verte!» «¡Oiga, que yo no soy Pepe!», contestoulle o agredido. «Usted perdoe, debo estar enganado», díxolle o outro. Pasaron dez minutos e o primeiro volveu ao conto: «¡Manolo, se me das outras 500 pesetas doulle outra vez ao calvo ese». Síntese outro golpe e rapidamente unha frase: «¡Pero Pepe, que maneira de tomarme o pelo. Dicirme que non es Pepe...» «¡Qué yo no soy Pepeee!», berrou o calvo, levantouse e sentou noutro lado. Pasaron outros dez minutos e o bromista insistiu: «Manolo, se me das mil pesetas doulle outra vez ao calvo ese». Os amigos puxéronse detrás do calvo e... ¡Pum!, golpetazo. «¡Pepe, Pepe! ¿Sabes o que me acaba de pasar? ¡Pegueille dúas hostias a un fulano que estaba alí diante, pensando que eras ti!».

Este conto narreillo a Tito de Ernesto e empezou a chorar coa risa. Así que se calmou un pouco, díxome: «¡Eran ben parecidos!» Non lle din explicacións, porque os contos non se explican e marchamos para Malpica. Alí compramos pan, mortadela, unha botella de viño e merendamos na praia. Despois marchamos para a discoteca e tomamos un par de cervexas entre bailadas e bailes coas mozas. Máis tarde collemos un taxi e ás tres da mañá, na casa. Así era a nosa maneira de divertirnos. Pero a xuventude de agora emborráchase por sistema. Van ver quen se emborracha primeiro. Nin uns nin os outros se decatan do resultado. Non se decatan de nada.

Teño que dicir que eu unha vez emborracheime a puro intento. Foi unha promesa para celebrar que o golpe de estado de Tejero non fose adiante. Para celebrar a vitoria da democracia. Ese día, Torrado e máis eu estabamos de escribintes de garda no noso cuartel, en Lleida, que era unha das prazas que se levantaron contra o Estado. Era gobernador militar Alfonso Armada Comín, un dos implicados. Estivemos todo o día e toda a noite para alí, para acó, para aló facendo inventarios e prometemos emborracharnos se todo quedaba nun susto. Así foi, así que ao vindeiro sábado mercamos unha botella de xinebra barata e unha de Cola de 2 litros. Tomamos uns cubatas con ánimo de ir a discoteca, pero as 5 da tarde quedamos durmidos e durmimos ata as oito da tarde do día seguinte, que nos veu a espertar a Policía Militar, pois xa nos botaban de menos no cuartel.

Non hai borracheira xustificada. Non hai nada que xustifique unha borracheira, nin sequera a vitoria da democracia. ¡Xuventude divino tesouro! ¡Recapacitade! Se tedes que beber unhas copiñas falando cos amigos, unhas copiñas en sociedade, si, pero non beber por beber. Anestesiádevos parcial, ¡non totalmente!