«O encaixe é fantástico para a moda, pero é un produto caro»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O modisto pontevedrés participa na Mostra de Camariñas

04 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Francisco Javier Franco Quintáns (Carril-Pontevedra, 41 anos) é o seu nome completo, pero no mundo da moda todo o mundo o coñece como Franco Quintáns. Xa ten un nome: estivo varias veces na Cibeles de Madrid ou na Gaudí de Barcelona, e ten colaborado con Mont Blanca, Dom Pérignom ou Marie Claire, ademais do ben coñecido traballo con Model Novias.

Franco é dos que mellor coñecen a Mostra do Encaixe de Camariñas, que se inaugura hoxe, por fóra e por dentro. De feito, comezou máis de quince anos no concurso de xóvenes deseñadores, e co tempo participou en numerosas feiras. Nesta ocasión aporta traxes de comunión e noiva á pasarela de grandes deseñadores, ademais duns tocados especiais nunha mostra especial cerca da entrada da feira. Franco estará alí esta fin de semana.

-¿A que se debe tanta fidelidade á Mostra?

-A que me tratan moi ben. Gústame moito o encaixe e eu estou encantado de vir ano tras ano ata aquí.

-¿Como vai vendo a evolución da feira?

-Eu sempre a vexo con cariño. É certo que, últimamente, parecía que decaera un pouco, pero supoño que será pola crise, que lle afecta a todo. A feira é un escaparate para un produto de tanta calidade como o encaixe.

-Este ano baixa o presuposto. ¿Que lle parece?

-Pois non entendo como a Xunta non aposta por potenciar este producto a nivel internacional. O encaixe está aí, e o que fai a Mostra, tamén. Dignifica o traballo das palilleiras e ademais dalle unha oportunidade aos deseñadores mozos. Hoxe por hoxe, é o único concurso de moda deste nivel con premios económicos. Hai que potenciar esta artesanía autóctona, para que non se perda.

-Pero non se dan aberto canles de comercialización.

-Falta algo de organización, se cadra. Hai varias asociacións, moitos que traballan pola súa conta, palilleiras que o fan con moito cariño, pero na súa casa, con encargas... E logo está o tema do prezo. O encaixe é fantástico para a moda, pero é caro. Eu inclúoo nos veus vestidos de noiva, pero ese encarece o traxe final. A calidade hai que pagala. Esa é unha das razóns polas que é difícil que cale na moda. Eu teño a sorte de que me fan un encaixe especial, máis finiño, como algo excepcional. E debería irse por aí, buscar mercado, colaborar con deseñadores como fan comigo, ofrecer directamente. Tamén se precisa un bo labor de comunicación en medios especializados de moda, e ir máis aló de Galicia.

FRANCO QUINTÁNS DISEÑADOR