«Evaristo Martelo aínda non ten o espazo que merece»

Ángel Palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A profesora Laura Suárez Llano falou en Vimianzo sobre a vida e a obra do nobre e poeta

01 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A vida e a obra dun ilustre vimiancés de adopción, aínda que non suficientemente coñecido, Evaristo Martelo Paumán (1850-1928), centrou a tese coa que Laura Suárez Llano (Ferrol, 1958) rematou o seu doutoramento fai xa oito anos. Onte, esta profesora do instituto Sofía Casanova da cidade departamental regresou á capital de Soneira para participar nos actos da Semana Cultural do Asalto ao Castelo e compartir parte dos seus coñecementos. Tras acudir a unha visita guiada por parte de Manuel Vilar ao Castelo no que o nobre e intelectual pasaba os seus veráns, Laura Suárez falou na Casa da Cultura deste representante do rexurdimento galego. Destacou a importancia da localidade na vida e na poesía de Evaristo Martelo e mostrou o seu desexo de que a súa produción aínda inédita poida ver a luz algún día.

-¿Por que decidiu facer a súa tese de doutoramento sobre este autor?

-Fixen o doutoramento na Facultade de Humanidades de Ferrol sobre o Patrimonio Histórico e Cultural de Galicia e o meu director de tese, Xosé María Dobarro, foi quen me indicou que podía traballar sobre Evaristo Martelo Paumán, sobre a súa obra, e facer unha edición crítica, así que púxenme mans a obra.

-¿Cal é a súa importancia histórica e literaria?

-A verdade é que se trata dun escritor rexurdimentista que ten moitos valores e que ten que ser recuperado dalgunha maneira do esquecemento porque ás veces cítase nos libros de texto, pero desde logo non ten o espazo que se merece dado o seu compromiso político, literario e a todo o labor desenvolvido a prol do rexurdimento das letras galegas.

-¿E a que se debe esta situación de esquecemento?

-Por unha banda, non é o único. A nosa historia a nivel lingüístico e literario pasou por moitos atrancos e aínda que non se tivesen feito traballos sobre este escritor aínda estamos a tempo. Penso que a tese que presentei é moi completa e a miña ilusión sería publicala ou publicar parte da súa obra e da súa vida, e desde logo, a obra que permanece inédita. E aí estamos. A ver se somos capaces de revitalizar este escritor.

-¿Que importancia ten Vimianzo e o castelo na obra de Evaristo Martelo?

-Están moi presentes en moitos poemas porque era a súa residencia de verán. En Vimianzo pasou longas tempadas e hai distintos poemas, algúns inéditos, que están ou ben datados ou que fan referencia ás torres, coma exemplo Ruada, Encantos e A misión dos bardos. Ten un poema que se titula As torres de Vimianzo, que ten versos nos que se exemplifica a súa infancia e tamén o importante legado patrimonial e xenealóxico herdado do seu pai polo autor. No Brinde, un longo poema narrativo aínda inédito, fai referencia aos seus avós e a todos os seus antepasados. E tamén se fala dos acontecementos históricos que tiveron lugar alí.

-¿Sigue presente Evaristo Martelo en Vimianzo?

-Pois como as Torres son coñecidas tamén como as Torres do Martelo entendo que si que hai xente que ten noticias del, pero seguro que aínda se pode aportar moita información da que non se ten coñecemento.

laura súarez profesora

«Vimianzo está presente na súa poesía porque era a súa residencia de verán»