As Mariñas da Ponte

luis giadás

CARBALLO

12 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Arruinada a noutrora afamada capela de Santa Mariña e de Santa Rita de Casia, é trasladada a Ponteceso ao redor de 1880, aproveitando as pedras do Recheo e da ponte vella. Alí, na Agra de Abaixo (a Agra da Riba sería onde está o actual Concello) ou Agra do Pozo (xusto detrás da capela, onde hoxe hai una compañía de seguros, había o Pozo dos Ghallardo), erguerase a nova hermida.

Coma en moitos outros lugares de Galicia, confundíase Santa Mariña con Santa Margarida: as dúas esmagaban ao dragón/serpe que simbolizaba o demo e das dúas narrábase semellante lenda. Máis aínda: na capela da Ponte estaban as dúas imaxes, procedentes da hermida de Balarés e acollidas no retablo maior de Santiso de Cospindo (primeiro colocouse santa Mariña na nova capela da Ponte; poucos anos máis tarde instálase a de santa Margarida).

Por iso, a xente de principios de século falaba da Festa das Mariñas da Ponte, como nos referira Ángel Mato. Este culto veterinario apúntanos que «Cousillas, o Matachín do Couto, tiraba moitas bombas nunha festa», e preguntoulle a razón. «Para que empreñen as vacas», respondeulle. Tal era o poder desta advocación. O mesmo que en Santa Mariña do Remuíño (Cabana) ou que en Santa Mariña de Paizás (Vimianzo) ou, incluso, que en Santa Mariña de Carreira (Zas). Pasábase o pano, herbas ou loureiro bendicido polo seu manto para logo refregar os tetos ou o ventre das reses para que desen bo leite e bos xatos.

Mais se as outras Santa Mariñas celébranse o 18 de xullo -como cómpre á súa festividade-, ¿por que na Ponte mudouse a setembro? Jaime Valdés, puntual investigador da Casa Pondal, o explica: «Santa Mariña coincidía co Carme do Briño, e para non eclipsar una festa con outra, Cesáreo González Pondal Abente (irmán do poeta e artífice de Ponteceso, dende a súa condición de alcalde e deputado provincial) trasladouna ao luns da Barquiña, cando os romeiros tornaban da Barca de Muxía coa merenda sobrante».

Ademais, o 27 de setembro de 1905, o párroco Juan Jesús Villar expón que Josefa González Pondal (doña Pepita, a xefa da Casa Pondal) pretende poñer un retablo novo, do seu peculio, á vista do deteriorado que está o antigo, que fora o retablo maior da parroquial dende 1880 e que conta cunha Santa Mariña no centro. O proxecto de novo retablo non é do agrado do arcebispo cardeal Martín de Herrera, xa que «parece máis ben un panteón sepulcral e estráñalle que a doante acuda a Valencia, habendo en Santiago artistas que traballan con bastante gusto».

¡Pero boa era doña Pepita para non saírse coa súa! O 13 de xaneiro de 1906, responde ela ao arcebispo «que está conforme co disposto pola Súa Excelentísima Reverendísima pero, ao mesmo tempo, desexa manifestar que tendo encargado a un sobriño que reside en Madrid o deseño do retablo, este adiantouse encargalo sen remitir o deseño, crendo que só era necesario o permiso para a súa colocación e, nesta crenza, non remitiu o deseño ata que puido remitir tamén o retablo, que chegou a fins de mes e atópase encaixonado ata que a Súa Excelentísima Reverendísima dispoña a súa colocación. Polo tanto, confesando o seu erro e ao terse adiantado á execución da devandita obra, pide humildemente permítaselle a colocación, procurando por medio da pintura e baixo a dirección de persoa intelixente, o desvirtuar algo a forma sepulcral que a domina. Graza que non dubida acadar da bondade de Vosa Ilustrísima». O día 20 daquel mesmo mes e ano, o arcebispo contéstalle, resignado: «Á vista de que o retablo, malia no reunir a forma que desexaba a Súa Excelentísima Reverendísima atópase construído, autorizamos a súa colocación na forma na que se pide».

a orixe das festas de ponteceso