A cultura tomará Ponteceso en outubro co Outono Pondaliano

á. p. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

Xosé María Varela, Xosé Manuel Varela, Óscar Rey e Luís Giadás, onte, presentando o programa.
Xosé María Varela, Xosé Manuel Varela, Óscar Rey e Luís Giadás, onte, presentando o programa. cibeira< / span>

Profesores, alumnos e público en xeral terán cabida no programa

14 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O mes de outubro chegará un ano máis a Ponteceso cargado de actos culturais da man da Fundación Eduardo Pondal. Co Simposio Pondaliano, que vai xa pola súa décimo quinta edición, como eixo central, a entidade elaborou un completo programa de actividades baixo a denominación de Outono Pondaliano que transcenderá as propostas formativas dirixidas aos mestres para involucrar tamén a todos os escolares do municipio e a calquera veciño que queira sumarse.

As actividades do Simposio desenvolveranse todos os martes pola tarde coa participación de varios académicos da Real Academia Galega, coma Xosé Neira Vilas, Xosé Luís Axeitos e o seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín; autores presentando os seus libros (Xosé Antón Pet Posse e Xosé Antonio Andrade Figueiras) e outros representantes da cultura, coma o xornalista e escritor Tucho Calvo, José Félix Neira, Miguel Anxo Calvo ou Manuel Ferreiro.

Ademais, durante esas xornadas, pero pola mañá, os escolares serán os destinatarios dun programa específico no que ademais de compartir tamén o seu tempo cos académicos poderán asistir a espectáculos de circo, danza ou música, e mesmo participar no acto polo que o miradoiro de aves situada na beira pontecesá do Anllóns pasará a chamarse Eduardo Pondal.

Exposición de La Voz

La Voz de Galicia estará moi presente nesta cita, posto que o acto inaugural do Simposio, que se celebrará o martes 2 de outubro, servirá tamén conmemorar o 25 aniversario da súa edición de Carballo e para abrir unha mostra fotográfica que permitirá realizar a través das imaxes publicadas neste periódico un viaxe temporal por esta veterana proposta cultural.

O programa completo do Outono Pondaliano foi presentado onte na reitoral de Cospindo polos patronos da fundación nun acto no que Xosé María Varela, un dos vogais, destacou a intención da entidade de chegar a un público o máis amplo posible e agradeceu o papel de todos os organismos e institucións colaboradores. O edil de Cultura, Óscar Rey, presente no acto xunto a Luís Giadás e Xosé Manuel Varela e representante do Concello na entidade, mostrouse «contento e orgulloso» polo traballo que fai está espallando a cultura galega, pero tamén «a identidade propia das xentes de Ponteceso».