
Saímos tarde. Coido que contra as once e media. Cheguei á casa e púxenme a cear. Prendín a tele para entreterme nun xesto automático e percorrín as distintas canles ata que parei en El Club de la Comedia. Ten chispa Eva Hache. Entón pensei para min, así deberían ser os meus artigos da crítica de teatro; con ese humor, con esa pementa. Pero por máis voltas que lle dei, non son quen de atopar un modelo que se lle poida comparar. ¡Que máis quixera eu! O tema tampouco dá para iso.
Tocáballe hoxe a unha compañía de fóra, venezolana ela. Nin un instante gastei en ler de que ía o de hoxe. Fágoo decote; así non me vexo influenciado por nada, e a sorpresa (para ben e para mal) é maior. O espectáculo dis que vai durar dúas horas; e con descanso. De modo que suspiramos para que sexa un acerto.
Sobre do escenario, unha mesa e varias cadeiras. Fondo negro. Esa vai ser a escenografía: cambiante grazas ás diferentes disposicións das cadeiras, que o mesmo fan unha sala de reunións que un barco.
Seis intérpretes, seis personaxes. A partes iguais na proporción de xénero. Pareceume interesante o seu comezo: Sociedade Cultural Luis Pasteur. Grandilocuencia, expresividade corporal máxima, como corresponde a uns intérpretes latinoamericanos. Por labia non será.
De seguido decátome que leva intencións de comedia. Non sei: polo ton das actrices e actores; se cadra polo seu ritmo.
Listos son, pois case ao principio da obra, métenlle un subidón de adrenalina ao respectable, facéndoos erguer, coas luces do Auditorio acesas. Iso axuda moito a conectar; a meterse ó público no peto. Vailles facer falta.
Pasan os minutos e o estilo antes comentado, afírmase en toda a obra. Hai unha historia arredor de Colón (don Cristóbal). Unha historia da Historia, explicada con movementos áxiles e un texto gracioso e sinxelo. Hai no aire do principio como un espírito fresco e un humor xuvenil (case infantil) e fácil.
De repente advirto, no personaxe central, o que fai de Colón, como unhas maneiras que me son familiares: recórdanme a Chiquito de la Calzada. É máis, esta sensación xa non a perdo no resto da actuación; habendo mesmo un momento, no que copia case descaradamente a Chiquito na súa forma tan peculiar de camiñar. ¡Non podo crelo!
Quedo pensando: ¿Que é o que noto? ¿Que é o que se repite ao longo de toda a obra e con tódolos personaxes? Descubro que é a tremenda xesticulación e as posturas esaxeradas de cada un deles.
É un texto moi simple, de fácil dixestión no formal, aínda que baila por detrás unha intención de fío de historia que pillo mal.
Xa se me fai cansado. Lembra un teatro bufo, un teatro de farsa, que de seguro vai gustar a moita xente. Sucédense a escenas histriónicas e desmesuradas de expresión. Un fío narrativo que se me fai ambiguo, onde teñen cabida tanto escenas de humor escatolóxico (e hai público para iso), como soporíferos discursos de Isabel e Fernando.
A estas alturas, preto do final, os diálogos parécenme pateticamente aburridos por veces. Semella como se a intención do grupo fora explotar esa facilidade tan grande para a sobreactuación, como recurso escénico principal da escenificación. Seguro que terá o seu público, como ten Chiquito, a quen xa imita con descaro, mais este prato non é do meu agrado.
A obra vai esmorecendo ata que remata cunha certa dignidade do «minuto de silencio». Pode que fora este cadro final o de maior agrado para min; o resto: chistes fáciles.
crítica teatral
«acto cultural», de grupo actoral 80