Os responsables da Fundación Gonzalo López Abente, de Muxía, pronunciáronse onte sobre o conflito aberto no seo da Real Academia Galega e sobre a anunciada dimisión do seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín.
A comisión executiva da entidade muxiá fixo público onte un comunicado no que agradecen o labor feito por Méndez Ferrín «como membro do padroado de dita fundación, xa que se mostrou especialmente comprometido co nacemento e actividade da mesma».
Ademais, destacaron o seu traballo na RAG: «Conseguiu achegar a entidade ao pobo galego e facer que sentiramos a academia como propia», sinalan ao tempo que agradeceron o «traballo pola defensa e compromiso pola dignidade da nosa lingua, nun tempo no que é necesario que tal compromiso sexa real, activo e sen concesións».
Por toda ilo, desde a Fundación López Abente apuntan que, na súa «modesta opinión», Ferrín debería seguir ao fronte da Academia. Así llo pedimos -explican- para garantir que esta entidade siga sendo o lugar onde a lingua galega se vexa xustamente coidada, protexida e promocionada e para que a Academia siga sendo a entidade da que todos os galegos nos sintamos orgullosos».