Abente

Vicente de Lema

CARBALLO

Éde certo que os mundos preparan solemnes festexos». Este verso optimista do poemario Ánimo de Gonzalo López Abente vén a conto da celebración hoxe do 50ª. aniversario da morte do escritor muxián. Dende o seu pobo «chegan fortes aturuxos d? espranza que espallan os ecos» porque dende un tempo a esta parte, o autor volve con forza á actualidade grazas á Fundación e ao labor dos seus patróns, que veñen facendo un importante traballo para desenterrar unha obra que o tempo fora engulindo no esquecemento e a falta de interese de quen o debería telo. Abente está cada vez máis vivo e presente no acontecer de Muxía, coma se de novo saíse a dar aqueles paseos da tardiña dende o porto de Don Manolo ata ao santuario da Barca e fose lanzando ao vento de novo as súas rimas. Hoxe mesmo, o compositor Miguel Brotóns Pérez, o pianista Amoedo Portela e a soprano Teresa Novoa vanlle dar outra dimensión ao tecido literario e cultural que deixou no pobo. Unha música que soará a laios do mar empurrando nos días de temporal contra as pedras lendarias.

Muxía é unha paixón. A súa fogueira espiritual, o seu veiro peregrino e a súa historia están dende sempre mollada por esa orballeira Atlántica que lle dá unha dimensión cultural acumulada en séculos e que López Abente deixou reflectida nos seus versos. Hoxe cúmprense 50 anos da súa morte, pero a súa alma segue presente nas escumas da ribeira da noiva do vento.