
Os poñentes destacan a necesidade do compromiso individual e do colectivo
18 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Preto de medio cento de persoas empezaron onte a traballar en lingua co obxectivo de acadar unha maior participación no proceso social de normalización da lingua. Os primeiros poñentes neste novo curso de verán sobre dinamización que a UDC celebra en Carballo coincidiron en que a tarefa non é sinxela, e tamén en que a implicación individual debe ir acompañada por un compromiso colectivo.
Tanto un coma outro son especialmente importantes nun momento no que o galego «está a perder falantes e a sufrir medidas desprotectoras», como manifestou o director do curso e do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, o carballés Xosé Ramón Freixeiro. O seu compañeiro da CTNL (Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística), Nel Vidal, foi o primeiro en destacar o papel da cidadanía, entre outras cousas para «rachar coas mensaxes negativas que chegan dende arriba e para que cada vez máis persoas, e tamén a Administración, queira máis galego».
Dende as dúas Administracións representadas, a Xunta e o Concello de Carballo, expresáronse compromisos inequívocos. O secretario xeral Valentín García considera básico asociar o galego «aos valores positivos de determinados movementos sociais», cos que apostou por buscar «alianzas estratéxicas». Pola súa banda, o alcalde, Evencio Ferrero, incidiu en que a lingua implica un «compromiso individual», pero que tamén son necesarios «un compromiso colectivo e institucional».
Nesa liña foron as intervencións da intensa xornada inaugural, na que os participantes coñeceron experiencias concretas de participación que se desenvolven en Galicia, pero tamén a metodoloxía de traballo da Red Cimas, que expuxo a arquitecta salvadoreña Alicia Tenze na primeira charla.