Man e Pondal, xuntos nun taller celebrado en Ponteceso

carballo / la voz

CARBALLO

Os rapaces, ao final do obradoiro celebrado onte no Couto sobre Man de Camelle.
Os rapaces, ao final do obradoiro celebrado onte no Couto sobre Man de Camelle.

02 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Dous dos grandes nomes que representan á bisbarra, Man de Camelle e Eduardo Pondal, xuntáronse onte no Couto dunha maneira polo menos literaria. Foi, en realidade, grazas a un obradoiro de literatura e ilustración sobre o anacoreta falecido hai dez anos e medio, celebrado na Fundación que leva o nome do autor de Os Pinos, e que naceu a poucos metros da sé da entidade na que se levou a cabo.

Este taller foi impartido por Beatriz Maceda Abeleira e Laura Veleiro Suárez, autora e ilustradora do libro Man, o Alemán de Camelle, editado por Edicións Galebook. Os destinatarios foron os alumnos da Escola de Verán que se leva a cabo.

As autoras interviron en dous momentos. Primeiro, para realizar unha contada sobre a narración, e segundo, para desenvolver un obradoiro de ilustración. Puideron facelo dentro da sección que os organizadores da actividade lúdico-deportiva denominan Convidade da Escola de Verán, e que contará en breve con outros nomes destacados. Seguramente a que máis dará que falar será a gaiteira e pianista ourensá Cristina Pato.

En canto ao libro analizado onte, Man, o Alemán de Camelle é unha narración para público infantil dun heroe respectuoso coa natureza e co seu entorno. «Un artista que non precisaba máis que as mans e os materiais atopados entre as rochas para crear un museo único ao aire libre», como o definen.