«Hai que aproveitar o comercio local»

Cristina Abelleira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A EFA colabora no programa Novos Horizontes, que recuperou variedades tradicionais de horta en Bergantiños

13 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Amancio Lavandeira Suárez participou, en representación da EFA Fonteboa de Coristanco, nos labores de coordinación do proxecto Novos Horizontes, impulsado polo GDR na comarca de Bergantiños. A iniciativa permitiu recuperar variedades de horta tradicionais (tomate e pemento, sobre todo) que practicamente tiñan desaparecido do agro galego, e os resultados son tan satisfactorios que a Asociación de Desenvolvemento de Bergantiños pensa darlle continuidade mesmo sen os fondos europeos que o sostiveron durante estes tres anos.

-¿En que consiste a participación de Fonteboa?

-Nós coordinamos en colaboración estreita co GDR de Bergantiños. O material vexetal procede da Xunta de Galicia, de Mabegondo inicialmente, onde recuperan variedades autóctonas de diferentes produtos que son as que nós difundimos entre os produtores que hai no entorno. Na actualidade participan entre quince e vinte, fundamentalmente de Carballo, A Laracha e Coristanco, en función do tipo de produto.

-Un dos retos que se marcaban hai un ano era colocar estes produtos no mercado, e agora xa pode verse nas grandes superficies, por exemplo, o tomate Negro de Santiago.

-Unha cooperativa de Narón empezou a comercializalo o ano pasado e tivo bastante aceptación. Son produtos delicados, pero iso tamén ten a vantaxe de que non vai vir doutros sitios, e polo tanto son produtos pensados para o comercio local, de curto percorrido, do produtor ao consumidor. Haino que aproveitar dende ese punto de vista.

-¿Falamos das feiras, por exemplo?

-Por exemplo. Nós animamos aos produtores a que se poñan en contacto sempre co consumidor directo, como pode ser restauración, e animamos a que ofrezan estes produtos aos cociñeiros para que os coñezan, porque poderán ter unha vía máis de comercialización dese producto, e aí é onde este ano pretendemos centrar este proxecto.