«Donde hay música no puede haber cosa mala», di Sancho a propósito do poder de concordia da música. Que llo pregunten ao cura e alcalde de Cee nas festas da Xunqueira de hai 130 anos! Os días 15 e 16, festividades respectivas da Virxe e san Roque, o párroco de Cee amosa unha actitude moi pouco edificante, se cremos a versión do tenente de alcalde, Antonio Tomé, que é o que asina o escrito -depositado no Arquivo Diocesano- elevado a Miguel Payá y Rico, cardeal arcebispo de Santiago. Era rexedor da vila Elías Caamaño, e o tenente de alcalde Tomé repetirá como concelleiro na corporación formada en xaneiro de 1884.
Tomé atribúe a conduta do crego ao feito de que «esta Corporación contrató la música de la inmediata Villa de Corcubión, por ser la que mayores condiciones reúne, y la música que en este partido judicial puede considerarse como tal música, mas esta parece que hubo de disgustar al señor cura ecónomo de este pueblo, pues parece que tenía interés en sostener una banda informal de esas que tocan por las aldeas». Tal foi o motivo da «grave alteración del orden», di Tomé. O certo é que a banda de Corcubión, dirixida entón por Xosé Bernárdez Casal, tense pola máis antiga da contorna, pois fora fundada no 1879, en tanto que a de Cee fórmase corenta e tres anos máis tarde e, baixo a batuta de Manuel Rebollar -recentemente homenaxeado-, estaba integrada por alumnos do colexio Fernando Blanco.
Despois da función relixiosa do día 15, Alcaldía, Garda Civil e carabineiros, así como a banda de música contratada, esperaban á porta da igrexa para acompañar ao Sacramento e á Virxe, e para que a música tocase despois de costas á presidencia. «Dispuesta así la procesión con sorpresa y no menor escándalo», Tomé sinala que o cura «con voces descompasadas dijo que se retiraba, si las cosas no se ponían como él quería, a cuyo efecto ordenó que la fuerza de la Guardia Civil pasase a acompañar a la Virgen y la de Carabineros con él y que los cuatro o cinco aficionados de la otra música tocasen de espaldas de esta Alcaldía, mandando que la música del municipio lo hiciese á último, o más bien principio de la procesión». Insiste o denunciante en que este comportamento foi «acompañado de grandes voces del señor cura, y de insultos y mueras dirigidos a esta Alcaldía por los individuos referidos y otros sujetos, que sin duda buscados de antemano se hallaban allí».
Por respecto á solemnidade do acto en día tan sinalado, a Alcaldía cedeu en todo, «por más que su Autoridad quedaba en mal lugar». Á tarde e noite a devandita banda seguiu tocando polas rúas de Cee sen autorización, «dando gritos subversivos y entre ellos los de Viva la república y muera el alcalde».
O día 16 ocorre outro tanto, pero a Alcaldía fixo observar que non ía consentir máis aldraxes, «viéndose en aquel acto el triste espectáculo de que un ministro del Altar tratase de arrojar la Capa de oro, para dirigirse a la Autoridad en ademán amenazador, lo que no hubo efecto por la oportuna intervención de la Guardia Civil». Finalizada a procesión de San Roque, a autoridade municipal «dio orden a la Guardia Civil para que detuviesen conduciendo a mi presencia a los expresados músicos, a la vez que se hizo saber al cura Joaquín Domínguez se presentase a declarar a las cinco de la tarde».
O cura ante a autoridade
Mais o cura non obedecía: «Hubo de ordenarse a la Guardia Civil fuese a buscarlo y si desobedecía lo presentasen en calidad de detenido». Comparece o crego con «algunos de su familia, unas cuantas mujeres y chiquillos, así como varios grupos sospechosos, dando los gritos de Viva la república, viva el cura, muera el alcalde y muera el Ayuntamiento», polo que a forza armada tivo que disolver estes grupos e restablecer a orde. O asunto acabou en expediente no xuíz da Primeira Instancia de Corcubión, e tamén foi informado o gobernador civil, así como o arcebispo metropolitano, para que «se digne adoptar las oportunas medidas á evitar que por parte del clero se proceda y excite las masas de un modo tan inconveniente hasta el extremo de producir alteración del orden público».
República e monarquía
Pasara xa unha década da promulgación da Primeira República, e mesturar vivas á república e ao cura non semella moi coherente, se reparamos en que rompeu coa Igrexa (liberdade de cultos, matrimonio civil, desamortización), polo tanto os berros dos algareiros non parecen ter moita xustificación ideolóxica. Máis ben trátase de atacar á Alcaldía como institución da orde establecida, a da restauración monárquica e o turno de partidos. Para comprendermos este altercado quizais haxa que abordalo en clave local, e non esquecer as tensións vividas en Cee na década 1875-1886 en relación ao conflito entre intereses públicos e privados derivado da construción do colexio Fernando Blanco. Por suposto que habería que engadir os rancores persoais. Do cura de Cee constan non poucas liortas cos seus veciños, desde unha acusación por ter retido os cartos da herdanza dun americano rico que debían ser investidos no templo parroquial, ata denuncias de incompatibilidade por ser simultaneamente capelán do colexio e cura de Toba, pois «media parroquia de Cee la constituye familia del señor Dominguez y está también muy interesado por él el patrono (do colexio) Antonio Vázquez Queipo». Abofé que non lle faltaban fervorosos apoios, a xulgar polos altercados que nos ocupan.
¿Como rematou o caso? O único que sabemos é que tivo certo percorrido: case unha semana despois o alcalde de Cee é informado de que «se practican las oportunas diligencias para los efectos que convengan», e un deles foi instar a Joaquín Domínguez Caamaño «para que se presente en esta capital (Santiago) a confidencias». Non rematará os seus días como párroco da capital, senón que en 1889 é reitor de San Adrián de Toba: alí xace, ante a porta principal da parroquial, este argallante de ruidosas adhesións, expoñente dun dos poderes fácticos na sociedade ceense do século XIX.
Crónica Histórica
A banda tocou polas rúas de Cee sen autorización dando gritos subversivos
Do cura de Cee constan non poucas liortas cos seus veciños