Manuel Rivas, Neira Vilas, Mercedes Peón e Uxía estarán en Carballo
15 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Non esaxerou a concelleira de Cultura de Carballo, Mar Eirís, cando dixo que na Praza dos Libros «imos ter o mellor das letras e o mellor da música», porque entre o 22 e o 25 deste mes pasarán pola feira literaria da capital de Bergantiños -organizada directamente polo Concello co patrocinio de Conservas Calvo e a Fundación Luis Calvo Sanz- dous dos autores e dúas das cantantes galegos con máis proxección: Manuel Rivas e Xosé Neira Vilas, que porán as letras, e Mercedes Peón e Uxía, que se encargarán da música.
Claro que non estarán solos, senón que dende o pregón de María Canosa ata o peche das sete casetas o domingo pola noite asociaranse a Carballo moitos outros nomes da literatura e a escena actuais, boa parte deles con raíces no propio municipio ou na Costa da Morte.
O alcalde, Evencio Ferrero, destacou o éxito acadado pola feira dende que Carballo «apostou por unha marca propia», e aí están, engadiu Mar Eirís, as 1.500 persoas que participaron nas actividades complementarias do ano pasado -os visitantes foron moitos máis, aclarou- ou os 1.600 libros vendidos, «cifras -dixo- que se poñen como obxectivo para este ano».
Luciano Calvo renovou o apoio da súa empresa á iniciativa, e María Pose, da librería Ler, que acude por primeira vez á feira -tamén se estrea Á lus do candil de Arteixo- convidou aos carballeses a visitala.