A elite mundial na porta da casa

CARBALLO

29 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

OTour de Francia é o terceiro evento deportivo máis seguido do mundo, despois dos xogos olímpicos e o mundial de fútbol. A Vuelta a España é a seguinte proba ciclista en importancia (xunto co Giro de Italia)... e onte pasou por diante das casas de moitos dos nosos veciños, que puideron ver así a campións mundiais ou olímpicos (como por exemplo Fabian Cancellara e Samuel Sánchez). Viñeron a visitarnos deportistas que, cun esforzo sobrehumano, chegaron a ser elite mundial na súa disciplina. Son tan cracks como o poden ser os futbolistas que todos temos en mente. O vivido antonte na Costa da Morte é como se nos trouxesen un partido estelar da Champions League á nosa eira. Alguén podería pensar que o espectáculo só dura os escasos minutos nos que pasan os ciclistas, pero non é así: a maquinaria que fabrica unha competición deste calibre é moito maior do que parece pola tele. Comeza horas antes, cando se pechan as estradas para decoralas e convertelas nun escenario de 200 km de longo, un macroestadio no que se acomodan decenas de miles de espectadores para gozaren de todo o colorido das caravanas de anunciantes, a armada de técnicos, os rituais de control... Eses teloneiros van incrementando a tensión nos espectadores, que son numerosos. Sigo a carreira dende dentro con dous exciclistas históricos, que se sorprenden de que xa hai xente de todas partes. E, a diferenza doutras partes de España, con menor dispersión de poboación. Chega o momento no que o ruído dos helicópteros anuncia o clímax que no futuro se converterá en mito. Nesa épica do ciclismo, que chega e impacta a espectadores de todo o mundo, xa está instalada como referencia internacional a ascensión ao Ézaro, a meta da fin do mundo e, como decorado, a beleza de postal da Costa da Morte.