«O noso FIOT xa está á altura dos grandes festivais de teatro»

marta valiña CARBALLO /LA VOZ

CARBALLO

Asegura que a programación deste ano, con seis estreas, será a mellor da súa historia

22 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O pasado venres desvelouse o misterio. O presidente da asociación Telón e Aparte, Alberto Sueiro Pastoriza (Carballo, 1962) explicou polo miúdo o programa da 22.ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), que arrancará o vindeiro 3 de outubro coa Rúa dos Contos. Será, asegurou con total seguridade, «a mellor edición da súa historia».

-Insiste en que esta será a mellor edición do FIOT. ¿Que a diferenza das anteriores?

-Na situación na que estamos chegamos a ela e iso xa é un éxito. Ademais, a programación deste ano reúne moita calidade, coa particularidade de que imos gozar de cinco estreas en Galicia e unha das obras verase aquí por primeira vez en España. Iso supón unha consolidación, porque é moi gratificante que grandes compañías entendan que este é un bo espazo para estrear as súas montaxes. A iso súmase que por primeira vez participamos nunha coprodución a nivel nacional. Pola magnitude e a calidade dos espectáculos, polo interese que esperta, esta será, sen dúbida a mellor edición de todas e quedará claro que o noso FIOT xa está á altura dos grandes festivais de teatro.

-¿A consolidación do festival reflíctese tamén no financiamento?

-Demos un salto cualitativo respecto ao recoñecemento das Administracións Públicas e na Deputación, por exemplo, subimos un chanzo porque xa firmamos un convenio directo e non estamos sometidos ás convocatorias de subvencións ordinarias. Ademais, o propio Agadic deunos o máximo financiamento que hai, ao nivel do festival de Ribadavia, que sempre foi o referente en Galicia.

-Cando abriron a campaña de captación de socios confesaban que con 50 inscricións estarían máis que satisfeitos, pero esa cifra dobrouse.

-O feito de que en só cinco días máis de cen persoas decidiran facerse socios de Telón e Aparte danos moitísima confianza. Nunca imaxinamos que a campaña tería tan boa acollida e de feito queriamos primar aos primeiros 50 porque pensabamos que sería difícil chegar a esa cifra. A maior sorpresa é que aínda está a chamar xente dicindo que quere ser socio, que quere estar no FIOT.

-Hai quen di que ese é o primeiro paso para o relevo na directiva. ¿Seguirá ao fronte de Telón e Aparte?

-Vintedous anos ao fronte de algo son moitos anos. É un período moi largo e calquera estaría xa rozando o seu nivel de incompetencia. Parece natural que nalgún momento veña alguén que lle dea outro impulso. Eu non son imprescindible, porque o FIOT é un éxito polo traballo e a dedicación do persoal da concellería de Cultura. Teñen un compromiso extraordinario co festival e fan un labor exemplar, moi por enriba do que se lles podería exixir. Coa base que xa temos sería natural que nalgún momento alguén colla as rendas do festival e o faga máis grande.

-¿Acaso queda algunha compañía por vir?

-Van quedando poucas, porque Animalario era unha delas e conseguímola o ano pasado. Els Joglars tamén estivo no FIOT... Sempre quedan retos, ¿por qué non imos ter en Carballo la Fura dels Baus? E nalgún momento teremos que traer aos grandes mitos do teatro español, como Jose Sacristán ou Concha Velasco. Teatro de La Abadía, que estará con nós este ano é unha das que levabamos moito tempo detrás e que veña é unha gran satisfacción. Todos aqueles anhelos que eu tiña hai vinte anos xa están conseguidos, así que quizais sexa outra mostra de que pode vir o relevo.

-Os prezos seguen a ser moi baixos e a entrada máis cara non pasa dos 15 euros.

-E que ese é o noso compromiso. Sempre tivemos claro que a nosa obriga e o noso obxectivo é facilitar que a xente vaia ao teatro e que a xente vexa espectáculos que, polo tipo de vila que somos, en principio non nos correspondería. Creo que ese é un obxectivo cumprido, porque en Carballo hai xa un público moi educado teatralmente e con moito criterio.