Neira Vilas abriu a velada falando da orixe e das críticas iniciais ao «Himno galego»

La Voz

CARBALLO

27 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Outro Bo e Xeneroso, e amigo da Fundación Eduardo Pondal, foi o encargado de abrir a velada de onte no Couto e fíxoo compartindo por partida dobre o seu saber e as súas lembranzas da emigración. Fíxoo primeiro participando nunha nova sesión do ciclo Non des a esquecemento e pouco despois impartindo unha das charlas do programa central do Simposio Pondaliano.

Aos seus 85 anos Neira Vilas deu mostras dunha lucidez e unha memoria envexables para rememorar as súas lembranzas da Habana, pero tamén o resultado das súas investigación sobre o Himno galego plasmadas nun libro editado o ano pasado. Así compartiu cos presentes o proceso polo que os versos de Pondal acabaron por acompañar á composición de Pascual Veiga e como foi a súa estrea na cidade cubana en 1907. Explicou que houbo propostas alternativas, que a letra de Pondal suscitou unha campaña na súa contra na década dos 20 por ser considerado demasiado lírico e pouco combativo e que o propio poeta, uns anos atrás, cando lle reprochaban que o poema era demasiado longo defendíase que a Marsellesa aínda o era máis e que, aínda así, os franceses a cantaban enteira.