A Asociación Cultural Rebeldía entregou na noite do venres dos primeiros premios Alberto Gende, na memoria do artista carballés. Un galardón que nace para dar recoñecemento á labor de persoeiros e institucións da comarca de Bergantiños en diversos ámbitos de acción. Os gañadores desta primeira edición foron os Traskis da Costa da Morte e a Praza dos Libros de Carballo. O acto tivo lugar no segundo andar do mercado de abastos.
No primeiro dos casos, recoñeceuse a súa labor de promoción do litoral da comarca co Camiño dos Faros, unha ruta de máis de 200 quilómetros que une Malpica e Fisterra. Os trasnos acudiron ataviados cos seus uniformes de camiñantes.
Por outra banda, a concelleira de Cultura, Mar Eirís, recibiu en nome da Praza dos Libros o segundo dos premios, que quixo poñer en valor o traballo do evento que enche de letras tódolos agostos, o xardín carballés.
Ademais da entrega dos premios, o acto tamén quixo promover a escena musical local cos concertos de CAM Estudio, Arabian Evils e Lowcos. Tamén se recolleron xoguetes que a Cruz Vermella local doará aos nenos máis desfavorecidos.