Asunción, a Rexoubeira eterna

Manuel Rey
manuel rey CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Regueifeiros y amigos, ayer, con la homenajeada en Seavia.
Regueifeiros y amigos, ayer, con la homenajeada en Seavia. Ana Garcia

Os regueifeiros da comarca rendéronlle tributo á artista de Segufe

05 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Ao carón da lareira, onde antes os mozos aprendían as historias dos vellos, Asunción Antelo Suárez (Coristanco, 1919) leva un pouco mellor o inverno na súa aldea de Segufe, na parroquia de Seavia. A cabeza, sempre cuberta polo pano negro, da mesma cor que a chaqueta de punto e o vestido. A leña arde xunto a un pote «de 200 anos, polo menos», que utilizaban para quentarlle a auga ao gando que xa non teñen. De sete irmáns que eran, quedan ela e máis José, que tamén vive na casa. Aos dous cóidaos Isabel Rey, unha veciña que preparou a homenaxe que onte lle brindaron os regueifeiros de Bergantiños. A de Asunción é unha casa humilde, coma case todas as do lugar, que non tería máis sona se non fose polo tesouro que hai a poucos metros. Unha casiña de pedra, con ventás e varandas de madeira, que agocha a pequena habitación-museo -«non tiñamos cartos para facer unha máis grande», di Asunción- onde se concentra a súa grande e variada obra. Alí hai raíces de carballo que as mans da Rexoubeira converteron en figuras humanas, reloxos de parede, igrexas e pazos en miniatura. Hai figuras de barro tamén esculpidas por ela. E ademais están, por suposto, as dúas obras (Páxinas da Rexubeira de Bergantiños, un libro de poemas; e As penurias dun amor, un relato curto) que escribiu unha muller que apenas pisou a escola por causa da guerra e das labores da casa e do campo.

Os 95 anos xa lle pesan, non tanto na cabeza coma nas pernas. Aínda cavila e imaxina as formas que podería crear coas raíces que lle levan os veciños e amigos, pero as mans xa non lle dan para tanto. Hai tempo que xa non sobe escaleiras que levan ao museo e as saídas limítanse a paseos pola parroquia na cadeira de rodas, sempre guiada pola súa veciña Isabel.

Asunción Antelo asume con realismo o ocaso da vida, pero aínda é quen de rexoubar, é dicir, de comunicar, de divertirse, dende o seu recuncho do mundo. Así lle gustaría que a lembrasen. Ao mirar a súa foto nun xornal de hai máis dunha década, ri e sentencia con humor: «Entón aínda estaba cachonda, pero agora xa pouco son».

homenaxe en seavia a un símbolo da cultura de bergantiños