As actividades, unha a unha

La Voz

CARBALLO

19 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

23 de xaneiro

Cando era tempo de inverno. A cara máis coñecido do tempo en Galicia, Santiago Pemán, abrirá os actos do Inverno da Memoria ofrecendo unha charla no centro de recursos da asociación Íntegro, en Nantón (15.30). Pemán falará do clima da zona, de calendarios tradicionais como o Mentireiro Verdadeiro e o Zaragozano, e do luar. Neste acto ademais de Íntegro colabora a asociación cultural Airiños de Nantón.

30 de xaneiro

Día Internacional da Paz. O auditorio municipal da Carballa (10.00 horas) acollerá os actos organizados para celebrar o Día da Paz e nos que participarán os alumnos do colexio As Revoltas e do CRA Os Remuíños. Haberá un obradoiro de Origami a cargo da xaponesa Yuko Ota, unha interpretación dunha danza nipona por parte dos alumnos da Escola de Musicoterapia, que dirixe Silvia Losada, e unha solta de pombas.

4 de febreiro

As carpinterías de ribeira. Os oficios tradicionais desenvolvidos á beira do Anllóns serán obxecto dunha xornada monográfica que terá lugar ás 16.30 no vello serradoiro de Tedín (na imaxe superior, nunha vella fotografía de Vidal). Os rapaces de secundaria do colexio As Revoltas coñecerán o pasado rico en estaleiros da ribeira cabanesa achegándose a través de fotografías, gravacións e por boca dalgúns protagonistas ao traballo dos carpinteiros e tamén dos lancheiros.

15 de febreiro

Aínda recordo, aínda, o dolmen de Dombate. Os responsables da primeira e da última escavación realizadas en Dombate, José María Bello -na imaxe- e Manuel Lestón, compartirán as súas anécdotas sobre o dolmen cabanés nunha mesa redonda na que tamén participarán a arqueóloga Ana Romero Díaz e o técnico cultural Ángel Eiroa. Terá lugar no Centro de interpretación do megalito cabanés (17.00).

23 de febreiro

Aqueles salóns de baile. O Inverno da Memoria rematará lembrando o tempo dos salóns de baile. A vella taberna de José María de Neaño -na imaxe, á dereita-, propietario dun daqueles establecementos, o salón do Burreiro, acollerá esta sesión (17.00), organizada coa colaboración da asociación cultural Lúa Chea de San Xoán, e na que Eloy Mato ao acordeón e Sonia Pose ao micrófono animarán un serán de música e baile.