Facer ben

CARBALLO

27 ene 2014 . Actualizado a las 12:04 h.

As camisetas do Bergantiños e do Xiria, coas que tantos rapaces soñamos espertos. A maxia do FIOT, que cada outono sube o telón do teatro e pon a Carballo en boca de todos. Os irmáns Buño, que son capaces de ver toda a luz da vida aínda que a súa vista estea fundida a negro. A ilusión e as ganas de soñar de Karina Pombo para facer un mundo mellor. O amor incondicional de Xosé Ramón Freixeiro Mato pola nosa lingua. O traballo silencioso pero incesante de María Bardanca a favor do deporte no seu estado máis puro. O humor e a imaxinación, xenuinamente carballeses. dos rapaces de Mamá Lola Estudios.

O afán de Ricardo Pérez y Verdes por explicar a nosa historia a través dos xoguetes dos cativos. O sabio Xosé Pumar, un libro aberto dos que xa poucos quedan; o seu corazón no corazón de Bergantiños. A viaxe de Chus Martínez dende a fértil aldea do Couto ata a elite da arte mundial. A semente, a labranza e a colleita de educación de Fonteboa. O esperanzador camiño que nos abre Senda Nova. E a Plataforma pola defensa de Corcoesto, polo seu convencemento de que todo o ouro que precisamos é verde e azul e ten forma de río, de bosque e de mar.

Os veciños de Angrois que, se olvidaron de todo o demais e, como dixo David Gistau, emocionaron ao mundo cando se converteron nunha fila de xente co brazo arremangado. Javier Gómez Noya ou Teresa Portela, que decidiron borrar do seu dicionario a palabra «renderse». O viaxe a tempos pasados ao que nos invitan Manuel Gago e Felipe Senén e que nos axuda a coñecernos mellor. A Fundación Rosalía de Castro, que mantén viva á muller máis grande que pariu Galicia. Ramón Núñez Centella, o inventor do «prohibido non tocar». O torrente de sensacións que transmite José Ángel Egido a través da pantalla.

Todos, cada un á súa maneira, teñen algo en común. Facer o ben. E facelo ben. Deberiamos tomar todos nota. Un ano máis, o Padroado Fogar de Bergantiños recoñece o seu traballo. E fai ben.