Oluns pola noite, máis de 300 persoas seguiron á ruta das estrelas que organiza cada ano o Concello de Cabana e guía Jorge Mira. Fascinante tal morea de xente ávida de aprender os nomes e o sentido de todos eses puntiños que pululan aí arriba. Impensable esa cifra hai 30 anos. Que digo 30: 20. O ceo era unha mera cuberta da que ninguén che explicaba nada nin tiñas maneira de aprender, máis algo do Cosmos de Sagan, debuxos animados, e toda a a imaxinación que lle botabas ao ir a escola, vendo Venus desaparecer, ou ollando entre follas cortantes de millo cando, nas noites de outubro, o aire é máis claro e os astros parece que medran.
E agora... Agora, o iPhone avísame cando a Estación Espacial Internacional pasa por riba de Zas ou de Carballo (elixo as coordenadas, naturalmente). Outro puntiño a 400 quilómetros de altura que pasa veloz como unha estrela fugaz, e que leva xente dentro, e leva tamén moita ciencia que nos fai a vida mellor. E cando pasan os avións tintineando, se é de noite, o móbil dime o modelo, a orixe, o destino, altura, velocidade, matrícula rumbo... Sabes cando voan por riba de ti exactamente. Non hai segredos xa. Rompeuse a maxia. Como cos astros. Orientas a pantalla cara onde queiras e aparecen todos cos seus nomes, as distancias, a composición química. Só lle falta o patrocinio.
Así están as cousas no espacio agora. Cos planetas e cos avións. Todo baixo control. E aínda así, cada vez vai máis xente a que llo expliquen. Para recuperar aquela maxia.