O escritor fisterrán Modesto Fraga fai un balance moi positivo da Feira do Libro de Cee, que se celebrou durante as festas da Xunqueira
19 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.«Un éxito total». Radiante está Modesto Fraga, escritor e libreiro que coordinou as presentacións da Feira do Libro de Cee.
-¿Quen foi Ramón Caamaño?
-O gran fotógrafo da Costa da Morte. Iso está claro.
-¿Verbena ou foliada?
-Eu son máis de foliada. Ademais, temos en Arteixo agora A Baiuca de Bieito Romero con actividades sempre e intento non faltar.
-¿A que dolmen lle chaman a catedral do megalítico?
-Ao de Dombate. Aí está Pondal para recordárnolo.
-¿Cal é o último faro que se construíu en Galicia?
-Creo que foi o de Punta Nariga, de Portela.
-¿Cal foi a última vez que puxo unha lavadora?
-Ui... Ponas a miña compañeira, eu axudo a colgar a roupa.
-¿Cal é o punto máis occidental de Galicia?
-Posme nun apuro. Pero vou dicir o Cabo da Nave, de Fisterra. É unha cuestión de coordenadas, malia o debate con Touriñán.
-¿Un defecto?
-Cando hai algo co que non estou de acordo, enfádome un pouco. Pero teño moitos defectos.
-¿De que castelo foi dono Rui Soga Mariño de Lobeira?
-Non teño nin idea, pero vou dicir o de Vimianzo.
-¿Que poeta andaluz lle dedicou un poema á Barca?
-Federico García Lorca. Tivo a axuda inestimable de Blanco Amor. Eran grandes amigos, foi quen lle axudou a traducilo.
-¿En que che gusta pasar o tempo das vacacións?
-Estar coa familia e cos amigos, visitar ás persoas queridas. Ir á praia, Feira do Libro... Un pouco de todo. Lecer e familia.
-¿Cantos anos ten Avelina Mouzo, a avoa da Costa da Morte?
-109 ou 110.
-¿Un soño por cumprir?
-Ter un fillo ou unha filla. A árbore xa a plantei e o libro xa o escribín. É o máis grande que pode pasar na vida.
-¿Onde está o pazo de Romelle?
-¿En Zas?
-¿Praia téxtil ou nudista?
-Eu téxtil, non adoito ir ás nudistas. Tamén vou ás de sempre.
-¿Onde naceu o almirante Mourelle?
-En Corme. Lin algunhas cousas sobre el, é un personaxe moi interesante.
-¿Onde prefire rematar o Camiño? ¿En Fisterra ou en Muxía?
-A resposta xa é obvia. Como fisterrán que son... Pero xa non só por cuestión xeográfica, tamén por historia e cultura concibíase Fisterra como fin do mundo e do Camiño. A vertente mítica é moito máis importante que a científica. Fisterra seduciu historicamente e aínda o segue a facer.
verano sin tregua