A vaca que...

CARBALLO

13 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Si, xusto esa vaca. A que... defeca. Na que están pensando, a que foi famosa a semana pasada en todo o país. Antes, as vacas saltaban as sebes a por verzas ou herba vizosa. Se tiñan sorte e xuntaban un millón, aos libros de Rivas. E se estaban locas, ao mundo enteiro. Pero pouco máis. Agora saltan ás noticias. E por facer o que fixeron sempre: o raro sería o contrario. Ao dono da de A Sionlla puxéronlle 750 euros de multa porque seica a pinta prefire facelo na pista, e non na corte, ou no prado.

Como falador (noutros sitios din afalador) de vacas con moitos trienios ao lombo, podo asegurar que, en efecto, as vacas prefiren as pistas de cemento. Xa lles gustaban ben as eiras cando con elas mallabamos o trigo, o orxo ou as fabas e había que ir correndo detrás co caldeiro para iso que xa saben. Eses ulidos e imaxes xa te vacinan para o resto da vida.

E, cando foron chegando as pistas de cemento, descubrín que esperaban a chegar ata elas para erguer o rabo e, efectivamente, metamorfosear a herba que comeran cunha cadencia semellante a cando vemos no National Geographic como impacta unha gota na auga: a mesma onda expansiva, coa facilidade de que alcanza moito máis lonxe e era ben apartarse. Algo teñen as placas que as chaman. Igual para elas ese é o baño. Pero, malia terlle visto nos ollos a moitas tantas cousas, ata case saber cando se vendían o día antes, a tanto nunca cheguei. Veremos que toca agora: ¿Sanción por bruar?

A quen había que multar é ao que denunciou isto. En fin.