A deportista do Sysca foi a participante máis nova na proba de bandeiras
03 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.valeria gómez anido quinta clasificada no mundial de salvamento
Valeria Gómez Anido (Carballo, 1999) acadou a pasada semana a quinta praza na proba de bandeiras do campionato do mundo de salvamento. Só puideron coa deportista do Sysca as catro finalistas australianas que, ademais, eran varios anos maiores ca ela. Con só quince anos, Valeria acumula tres campionatos de España consecutivos. Sen dúbida, é unha das maiores promesas do deporte carballés.
-¿Cómo se leva a volta á realidade despois dun mundial?
-Agora toca o normal. Colexio, estudar... O recibimento foi incrible. Non mo esperaba. Contaba con que viñeran a buscarme a miña tía e o meu pai. Primeiro apareceu miña tía, e logo o resto da xente. Quedei paralizada.
No instituto todos me felicitaron, pero aos mestres non lles importou o campeonato, tiven que recuperar as clases da semana pasada (risas).
-¿Como é estar dentro dun campionato do mundo?
-Non cría que estivera alí. Fomos uns días antes para irnos adaptando, pero no momento da competición, non asimilaba que estivese nunha proba dese nivel.
-¿E como foi o gran día?
-Un día irrepetible. Erguémonos ás seis e pico porque ás sete comezaba o quecemento e ás oito tiñan todo preparado para competir. Disputamos tres eliminatorias ata as nove e media. Pola tarde, ás catro e media, empezou a final. Instalaron gradas e todo porque a de bandeiras é unha das probas máis seguidas do campionato do mundo.
-¿Dá tempo para todo competindo a este nivel?
-Adestro de luns a sábado. Luns e mércores fago unha hora e o resto dos días adestro dúas. Nunca empezo antes das oito da tarde así que ata esa hora teño tempo para estudar, estar cos amigos...
-¿Que obxectivos ten vostede agora por diante?
-Para o ano que vén está o europeo, ademais dos campionatos galego e estatal. E o mundial, claro, pero aínda é dentro de dous anos.
-¿Que consello lles pode dar aos que queiran chegar a un campionato mundial?
-Esforzarse adestrando e estar motivado. Non renderse porque leves un ano e non o consigas. Se te esforzas, vas conseguilo.