«Este personaxe pode ter saída»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Armando Soneira.
Armando Soneira.

Interpreta a Santi, un amante de Gloria que a extorsiona cun vídeo erótico

30 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A serie Serramoura, producida por Voz Audiovisual para a TVG, volveu sorprender este domingo. O cuarto capítulo trouxo intriga e, unha vez máis, tamén unha cara coñecida da Costa da Morte. Trátase dun soneirán nacido en Fornelos (Baio) no 1982: Armando Soneira. Interpreta a Santi, o ben feito amante de Gloria, a muller de Evaristo Fiúza. Os dous manteñen un apaixonado encontro nun vehículo, despois do cal el extorsionaraa dado que o gravou todo nun vídeo. Lume era o nome deste cuarto capítulo, e diso houbo moito: de feito, na ficción, Santi acabou recibindo unha malleira do sarxento Bazán. Armando Soneira, aínda que é deseñador gráfico e nas fins de semana tamén traballa de camareiro, ten xa unha prolífica carreira en torno á publicidade e á moda. No 2013, por exemplo, foi elixido como imaxe do ano por ER, unha liña de cosmética asturiana, e no 2012 era o home de portada da revista Mad Men Magazine. Son só algunhas das súas participacións.

-Un personaxe controvertido...

-[Ri]. O papel que interpreto gústame, e penso que este é un personaxe que pode ter saída.

-Seica aparece de novo no capítulo 7. ¿Algo que se poida contar?

-Preséntanme ao sarxento Bazán como un amigo da familia Fiúza. Eu estou sentado na mesa, ao lado de Evaristo [Antonio Mourelos] e de Gloria [Sabela Arán], durante unha comida, e entón preséntanme a el como Santiago, un amigo. É un momento tenso, porque os dous sabemos de que nos coñecemos, de antes, pero non podemos dicir nada.

-¿E o papel? ¿Como chegou a el? ¿Como foi a experiencia?

-Eu xa estivera tamén en Matalobos e en Chapa e pintura, así que xa me deben ter alí para cando o precisen. Non tiven que pasar cásting, e a experiencia foi moi xenial, porque os actores, aínda que son moi bos, son xente humilde e normal. Non hai prepotencia, ao contrario. Moi bo rollo e iso faite sentir cómodo. Fun gravar dous días, a escena do monte é ao lado de Montrove.

-¿Como se viu no capítulo? ¿Algún percance nese papel...?

-Creo que o momento da pelexa quedou moi logrado. Non houbo percances, salvo que para a escena do coche se usou primeiro unha cámara GoPro e non gravou. Logo houbo que facelo cun iPhone. Quedei contento, estas cousas ou as de moda a min encántanme.

-¿Verá a serie, non?

-Evidentemente, e gústame. O primeiro capítulo foi máis pausado, pero agora xa hai tensión, conflito... Non se sabe quen pode ser o asasino, pode ser calquera...

-¿E vostede por onde anda agora? Figurar no booktrailer do libro de Megan Maxwell foi un puntazo...

-Agora mesmo [o luns], na Coruña, pero dentro dunha semana vou a Sarria gravar unha curta, máis adiante a Barcelona por unha marca de roupa interior... O de Megan foi unha axuda boa, e agora aceptei tamén para outros dous libros, un entre México e EE.UU. e outro de Lugo.

-¿Vén moito por Fornelos?

-Procuro ir unha vez á semana. Este sábado estaban escunchando [ri].

ARMANDO SONEIRA un novo soneirán en «SERRAMOURA»