Vida para o río, que é vida para nós

Moncho Gándara

CARBALLO

04 dic 2014 . Actualizado a las 13:17 h.

Calquera que consulte as fotos aéreas de 1956 do Val de Vimianzo terá a oportunidade de contemplar como era a súa paisaxe agraria daquela, antes da concentración parcelaria, e mesmo de apreciar o pequeno río de Vilar coa súa vexetación de ribeira, serpenteando en solitario -aínda non chegaran as construcións, nin os vertidos ao seu carón- e desprazándose maina e sinuosamente, coma se en cada unha das súas reviravoltas tentase retardar a entrega das súas augas ao xa próximo río Grande.

Pola década dos 70, coa concentración xa rematada, a paisaxe agraria do Val experimentou unha sensible transformación, e o mesmo río de Vilar, seica por necesidades do «progreso», fora sometido anos atrás a unha «operación cirúrxica»: sufrira unha importante redución en lonxitude, e instaláraselle unha canle artificial rectilínea de máis de 500 metros, onde o formigón despoxou das súas marxes á vexetación.

Na época de enchentas invernais, cando o río reborda, está a exercer a súa protesta por esa canle artificial de capacidade insuficiente. Manolo Rivas lémbranos unha desas cheas nun dos seus poemas, o que conta a inundación do taller do pintor Antón Mouzo, ubicado daquela a carón da ponte de Vilar.: o río Pequeno saíu da toponimia, / rebordou canles e ribazos / volveu a brañas e xunqueiras, / ás lagoas desecadas, / á memoria espoliada da auga. / A chea entrou no estudio do pintor / á procura das paisaxes, / de toda aquela materia esperta, / soñadora. / Antón loitou contra o naufraxio, / salvou os cadros do afundimento. / E logo curounos un a un. / Os afogados, os enlamados, os fanados. / O seu estudio era un hospital de campaña.

O río de Vilar, como lles pasou a outros, non foi un río ben tratado. As agresións e o abandono que ten sufrido fan moi difícil que se reconcilie connosco, pero de tódolos xeitos hai que tentalo. Que moi pertiño del se teña case rematada a rehabilitación integral do muíño da Agra é algo que, sen dúbida, o fixo sorrir. Como tamén o fará sorrir o comezo das primeiras fases do tan desexado paseo fluvial de Vimianzo. Vida para o río!... que é vida para nós !!!

Moncho Gándara é membro do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom)