Tras o proxecto «Mil ríos» o fotógrafo empezou outro percorrido artístico
10 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Manuel Sendón Trillo pasa uns días na súa casa de Sardiñeiro, en Fisterra, antes de volver ás clases na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e de retomar un proxecto artístico, centrado na relación coa paisaxe, que comezou cando aínda tiña en marcha Mil ríos, unha iniciativa que está a piques de pechar despois da presentación do libro en A Coruña, o día 22 de decembro. Antes de dalo por rematado definitivamente haberá que agardar ao verán, cando dea a coñecer o volume de fotografías, bitácoras e mapas en Corcubión.
-¿En qué consiste o novo proxecto?
-É un percorrido perimetral a Galicia en bicicleta, pola costa, aproveitando os camiños, as boleiras, as praias... Seguramente non dará para exposicións ou un libro... Trátase tamén de concebir a paisaxe como experiencia como no proxecto Mil ríos.
-Tamén empezou sendo algo así o proxecto «Mil ríos».
-Si, ao principio non había idea de facer nin fotografías nin nada. Xuntámonos Fran Herbello e máis eu, que tiñamos piraguas, e quixemos ir aos ríos, porque son algo descoñecido, teslles medo polas correntes, os remuíños... Empezamos o día 17 de maio do 2011 e saímos do lado da casa de Pondal, pero o máis curioso é que tomamos un café nun bar é resultou ser o Rosalía de Castro. Só faltaba que viñera Curros a botar unha man.
-Pero non hai fotos desa xornada.
-Non, ao principio non tiñamos intención, foi vindo pouco a pouco. Empezamos cos móbiles porque a perspectiva desde a auga é distinta. As fotos dos ríos son desde a beira, estáticas...
-¿Tamén foron pola costa?
-O normal é que non haxa transición entre os ríos e o mar, pero aquí temos as rías, que son espazos de transición, fronteirizos, que están no límite. Son de interese para a creación.
-¿Que vai facer con este percorrido pola costa?
-A primeira experiencia foi crecendo, dando lugar a gráficas, exposicións, un blog... Non imos por estradas. Saímos de A Coruña e o primeiro tramo foi a Caión. Despois fomos a Malpica, ata Corme... Empezamos pensando en ir só pola Costa da Morte, ata Fisterra, pero despois pensei en chegar a Vigo, que é onde vivo e así xurdiu a idea de facer toda Galicia.
-¿Con quen vai neste caso?
-Con meu irmán, Juan, e miña filla Olalla. Tamén viña miña cuñada, pero caeu e rompeu catro costelas.
-Ten que ser un percorrido duro.
-Eu digo que imos en bicicleta, pero na maior parte do tempo levámola ao lombo. Non podes pedalear polas boleiras ou polas praias. Imos seguindo tamén O Camiño dos Faros, que é un proxecto extraordinario, pero moitas veces é imposible facelo en bicicleta.
-¿Onde están agora?
-En O Grove. Levamos percorridos uns 600 quilómetros por corredoiras e praias. Ata o de agora, do que vimos, a Costa da Morte é a parte máis atractiva, con menos construción. É un territorio bravo e, en relación con outras partes de Galicia, non está tan mediatizado polas edificacións, nada que ver coa veciña ría de Muros-Noia, ou coa de Arousa.
-Pero vostede xa coñecía a zona.
-Si pero a percepción é distinta. En bicicleta tes unha nova visión. Establécese unha relación coa paisaxe diferente. Eu xa coñecía Malpica é Caión e, por suposto fun centos de veces a Fisterra, pero non se parece en nada o percorrido pola costa.
Manuel sendón profesor da facultade de belas artes de pontevedra
«Trátase de concebir a paisaxe como experiencia, como no proxecto Mil ríos»