Medio século do Día das Letras Galegas de Pondal

Luís Giadás

CARBALLO

Foi en febreiro de 1965 cando a Academia decidiu honrar ao Bardo de Bergantiños coa súa maior distinción

01 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

día 21 de febreiro de 1965, na xunta ordinaria da Real Academia Galega, un dos seus membros, Domingo García-Sabell -médico, director da Editorial Galaxia e futuro presidente da propia institución-, propón a figura de Eduardo Pondal como homenaxeado no Día das Letras Galegas que se achegaba. Non en van, o propio García-Sabell prologará a edición de Os Eoas, a carón de Amado Ricón Virulegio, insistindo en que Pondal dá aos galegos a conciencia histórica de pobo senlleiro que é, e esperta o seu sentimento colectivo de comunidade, da súa unidade étnica e lingüística indiscutibles.

Apróbase e faise pública a decisión mediante unha nota de prensa a La Voz de Galicia o 27 de febreiro de 1965. Na xunta de goberno da Academia, celebrada ese mesmo día, acórdase editar o discurso de ingreso á esa institución por parte de Gonzalo López Abente, que trata sobre o Bardo de Bergantiños, tío avó seu: «No fungar dos matos nativos, foi recollida a lingua que el adeprendera de rapaz e perfeccionou e purificou nos seus cantos». Así mesmo, publicarán unha Iconografía Pondaliana, aportando os retratos que do «Cisne do Anllóns» posuían ben a propia Academia ou ben os que puidesen contribuír os propios membros da mesma, como era o caso de Isidro Parga Pondal. Engadíranse a estas fotografías e debuxos dúas semblanzas literarias encol do Bardo, a cargo de Murguía e Lugrís Freire.

Non obstante, o día 27 de marzo, haberá algúns cambios para os actos do 17 de maio seguinte na honra de Eduardo (aparte das coroas no seu sartego do cemiterio de San Amaro e no seu busto) e que terán lugar no Circo de Artesáns, na coruñesa rúa de San Andrés: apertura de solemnidade polo presidente da Real Academia Galega, Sebastián Martínez Risco. Logo, conferencia do académico de número Francisco Fernández del Riego sobre Pondal, poeta d?unha terra (Don Paco posuía manuscritos corrixidos e anotados polo vate bergantiñán, hoxe en día visibles na súa mesma Fundación).

A continuación, intervención do presidente da agrupación cultural O Facho, Xosé Miguel Harguindey Banet, quen, xunto co seu irmán Henrique, «bebera a cultura nosa na Biblioteca Galega de Martínez Salazar, que tiña o noso avó, Manuel Banet Fontenla, integrante da Cova Céltica e fundador da Real Academia Galega». Como colofón, recital de poesía pondaliana polos alumnos do Conservatorio de Música e Declamación da Coruña (A Campá d´Anllóns).

Cincuenta anos despois, a Fundación Eduardo Pondal recolle o testemuño da Real Academia Galega, prolongando a imaxe en pedra do poeta nos menhires do seu roteiro, plantando un piñeiro á pá do seu busto e pousando, nos aniversarios de cada cabodano do poeta, un ramiño de flores no seu túmulo? Os nenos do Val Nativo, o noso futuro.