Herdanzas

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

28 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Asemana pasada soubemos que unha xuíza de Lugano, no sur de Suíza, case Italia, puxo un anuncio na Voz para localizar os herdeiros dunha emigrante de Mesía que morreu aló sen deixar herdeiros. En Suíza non andan con contos: tomáronse as molestias para dar con eles. Aínda que fose a súa obriga, estando tan lonxe podía ter deixado que pasara o tempo e que fosen os de aquí os que actuasen. Pero non: retitude, seriedade e profesionalidade. Así vai o país como vai.

Esa loable actuación legal agocha algo que xa pasou máis veces, e seguirá pasando: emigrantes galegos que morren sós. Dos que, se non hai aló quen mire por eles, xa non se saberá máis. Non me estraña o caso de Lugano, onde apenas hai galegos. Pero pode pasar en calquera lado. En máis sitios que Suíza, tamén (hai anos souben de casos semellantes en Londres ou Holanda), aínda que pola elevada presenza de paisanos é máis común. As mortes, digo, non o esquecemento. Antes de que volvesen moitos con aquilo do segundo piar, a funeraria de Baio raro era o mes (ou cada dous) que non ía recoller un cadaleito ao aeroporto. Polo menos de Suíza chegan axiña, porque de Inglaterra poden tardar 15 días. Dez, movendo o tema, e con sorte.

O caso luganés tamén dá para a anécdota toponímica. A infortunada vivía en Melide. Así se chama esta vila na beira dun lago, igual ca a galega. Non está lonxe de Mesía, por certo. Seguro que bromeou algunhas veces con iso. Moito máis ao norte, darredor de Davos (onde estes días foi o foro económico mundial) están Arosa, Guarda e Coira. A liña férrea Coira-Arosa ten máis de 100 anos. Bo sitio para ir ver. E para volver!