
Bieito Romero, líder de Luar na Lubre, analiza todos os grupos que actúan hoxe, entre eles a súa propia formación
06 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Mediodía, tarde e noite • Para quen non teña o bono ou a entrada anticipada, hai billetes para entrar hoxe na Carballeira a 8 euros en taquilla • A 33.ª edición da Festa da Carballeira de Zas está indo con forza. «Son dous días potentes», dixo en Radio Voz Bergantiños Bieito Romero, líder de Luar na Lubre, durante o seu espazo de análise de actualidade musical. Definiu este encontro como «unha das festas máis importantes do folk que perviven, e ademais con saúde»: «Para nós, un festival fundamental na música galega». Logo da xornada inicial de onte, con Mägo de Oz como un dos pratos fortes, Bieito Romero analizou os grupos previstos para hoxe, xornada innovadora pola sesión vermú na Carballeira -espazo de foliada, zona infantil e demais- e tamén por esa mexillonada gratuíta que acompañará a música da mediodía. Está a maiores o vaso ecolóxico. Unha feira de artesanía e un mercado de produtos naturais completan o menú. En música, haberá o que segue:
14.00 horas • Sesión vermú • Os Modernos • Orquestina de tipo antigo que combina repertorio variado e de baile coa música galega. Ritmos do mundo con ritmos propios: «Algo moi interesante».
15.30 horas • Sesión vermú • O Ghusto do Boi • Unha especie tamén de orquestina popular ou murga, «con música de animación, moi festeira».
17.30 horas • Animación de tarde • Cé Orquestra Pantasma • César Freiría é un home orquesta que fai a festa por sí só. «Vai dar moito ambiente», sinala Bieito Romero. Indica que é isto é algo moi importante, «que o festival non se quede só no escenario, que haxa capacidade de levalo ás rúas».
18.30 horas • Foliada • Con Castro-Meda, Ximiela e outros grupos da volta, un punto de encontro que para o líder de Luar na Lubre é «fundamental». Cre vital darlle importancia «á nosa música» e, tamén, que a xente non só mire, senón que participe: «É clave que dentro dun festival destas características, a xente recoñeza as nosas músicas». Afirma tamén que, nos últimos anos, a recuperación de foliadas foi gañando cantidade e calidade na comarca.
21.30 horas • Espazo de concertos • Pelepau • É unha banda de percusión viguesa integrada por 12 persoas que proveñen de diferentes escolas de danza e música galegas, cun repertorio de música tradicional. Moita interacción co público.
23.00 horas • Espazo de concertos • Luar na Lubre • Este grupo é vital, un histórico, para a Carballeira. Seis ou sete veces levan acudindo xa e neste 2016 con moitísimas ganas, como dixo Bieito, logo dos problemas de son que tiveron o ano pasado: «Sentimos moita emoción de volver de novo a un festival coma este. Vir a Zas é un privilexio e un prestixio». Farán un percorrido polos seus 30 anos de música, pero centrándose sobre todo no seu último disco, «Extra Mundi». Teñen, a maiores, unha novidade na formación: «A violinista Antía Ameixeiras, que ademais é de Baio».
01.00 horas • Espazo de concertos • Steve’n’ Seagulls • O toque de parodia desta formación finlandesa chega ata o nome, que é unha versión do do popular actor. «Teñen pintas de granxeiros americanos con aparencia de non terse lavado en moito tempo», bromeou Bieito. O caso é que son xa un fenómeno viral e que fan versións de temas de heavy e rock clásico levadas a instrumentos de corte tradicional e verdadeiramente sorprendentes. «Vin vídeos e son realmente divertidos. Esta é unha historia que pode ter moito impacto, algo completamente diferente. Tocan, e tocan ben. As cousas divertidas, ben feitas, son exitosas», asegurou Romero. Oportunidade única para ver a este grupo en España.
02.30 horas • Espazo de concertos • Skerryvore • Grupo das Illas Hébridas (Escocia) que fai unha fusión entre a súa música tradicional «tan potente» e tan recoñecida con pop, funky e outros estilos máis modernos. Potente directo. Romero destaca a voz do seu vocalista e o feito de que, ademais de inglés, canten tamén en gaélico escocés.
04.00 • Espazo de concertos • Andrés Penabad • O acordeonista é para Bieito Romero «un dos grandes da nosa música». Para el, un peche de festival «de diamante»: «Penabad é un rapaz moi noviño, un home que dará moito que falar nos vindeiros anos, porque ten moitísima calidade na súa música». Con el rematará a Carballeira.