María Ángeles Rial: «Parécenos que é algo afastado, pero calquera pode precisar unha doazón»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

CARBALLO

CARMELA QUEIJEIRO

A noiesa, voluntaria de SOS Médula Galicia, considera que a falla de información é o gran obstáculo a superar

04 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

De sobra coñecida polas súas facetas de actriz no grupo de teatro de Lousame, poetisa e directiva de Senda XXI, a noiesa María Ángeles Rial vén de embarcarse nunha nova aventura. Aliouse con Sos Médula Galicia, co fin de difundir información sobre o proceso de extracción de medula ósea e, sobre todo, atopar doantes. O seu empeño xa empezou a dar os froitos desexados pero, como noutros eidos da súa intensa vida como activista social, non se dá por satisfeita.

-Actriz, escritora de obras de teatro e de poemas, afeccionada ao sendeirismo... e agora voluntaria en Sos Médula. ¿Como chegou a este colectivo?

-Sempre me gustou implicarme en causas sociais e xa levaba un tempo buscando como introducirme neste eido. A un amigo morreulle un fillo con leucemia e penso que ese foi o detonante. O ano pasado, coincidindo co día mundial do donante de medula ósea, achegueime á praza Roxa de Santiago, onde estaban repartindo información, e xa me convertín en voluntaria.

-¿Cal é a súa misión como voluntaria?

-O colectivo ao que pertenzo, Sos Médula Galicia, é un dos moitos que están coordinados desde Madrid por Unidos por la Médula, que á súa vez depende da Fundación Josep Carreras. O que se busca principalmente é saír ás rúas e informar á poboación. Eu, xunto cun grupo de colaboradores, estivemos o 17 de setembro en Noia, coincidindo cunha carreira en favor do cancro, e logramos que once persoas se interesaran por ser doantes. Algúns xa están rexistrados.

-¿Cal á e mensaxe que lle traslada á xente?

-Unha coa que eu estou totalmente convencida: parécenos que é algo afastado, pero calquera pode precisar unha doazón, cando menos o esperas.

-¿Cales son as barreiras que detecta á hora de conseguir sumar novos doantes?

-A principal é a falla de información. Hai xente que confunde a medula espiñal coa ósea, sen saber que esta última se rexenera constantemente, e outros cren que ser doante implica pincharse cada dous por tres. Ser doante de medula ósea é formar parte dun rexistro para ser chamado cando haxa un enfermo compatible que precise axuda.

-¿Non produce certo temor estar sempre esperando esa chamada?

-Eu non o sei, porque oficialmente aínda non son doante, pois fáltame cumprir algún requisito, pero teño amigos que si o son. Un comentábame que leva sete anos no rexistro e cada día espera a chamada milagre para poder devolverlle a vida a alguén que o precise.

-Supoño que o feito de sumar doantes xa é para vostede un gran logro...

-É unha satisfacción persoal enorme, porque é moi complicado. Hai incluso familiares de enfermos que non están dispostos sequera a facerse as probas pertinentes.

-¿En que consiste a doazón de medula ósea?

-Basicamente, nunha vacina para que as células nai se movan por todo o torrente sanguíneo e, logo, unha extracción.

-¿Que a leva a vostede a estar involucrada en diferentes movementos asociativos?

-Principalmente, o meu espírito aventureiro e solidario. Eu estou un pouco desconforme coa sociedade actual, porque considero que todos deberíamos ser máis humanos e sensibles cara o próximo.

«É complicado sumar doantes. Hai familiares de enfermos que non están dispostos a facerse as probas»